O voceiro parlamentario do BNG advirte aos socialistas da tentación de "levar adiante manobras similares ás que o PP protagonizou no pasado co voto emigrante".
A posíbel supeditación da reforma da lei galega á da lei estatal no que lle toca aos cambios na lexislación electoral, foi criticada este luns polo voceiro parlamentario do Bloque. Carlos Aymerich pronunciouse a prol do "cumprimento" do que definiu de compromiso necesario na loita "contra o clientelismo" e en favor da "rexeneración democrática" que "deben chegar tamén ao voto emigrante".
Aymerich dixo ter a confianza en que o PSOE "non tente poñer atrancos a unha demanda apoiada amplamente pola cidadanía". No caso de que, tal e como insinuou o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, se adiase esa reforma, segundo o deputado nacionalista "só cabería concluír que se persegue desde o PSdeG-PSOE levar adiante manobras similares ás que o PP protagonizou no pasado co voto emigrante".
O voceiro do BNG no Parlamento insistiu na importancia dunha reforma que introduciría garantías na emisión do voto dos cidadáns no exterior, recordou que PsdeG e BNG asinaran ese compromiso no pacto de goberno e lembrou ademais que foi unha das recomendacións incluídas pola cámara no ditame da Comisión de Investigación da suposta Axente Electoral do PSOE.