Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DAKÍDARRÍA

"Hai inxustizas tan grandes que non podemos deixar de falar delas"

Gabri, guitarra e voz do grupo de Patos, fala con Vieiros.

Clara Figueroa - 11:00 07/08/2008

Como se xuntou Dakídarría?
Pois somos todos en xeral bastante malos coa memoria, pero todos lembramos que máis ou menos debimos de xuntarnos cando foi o do Prestige, porque se deron por aquí uns concertos no “Chapapote Rock” e alí falamos de xuntarnos nun grupo novo, porque xa tiñamos un grupo anterior, diskordia. O primeiro disco que quitamos como Dakídarría se chamou “A diskordia nas rías baixas”, e era unha homenaxe ao noso grupo anterior.

A que sona?
En Dakídarría facemos algunha cousa entre o ska e o punk-rock con toques de reggae. Nós en realidade escoitamos moita música diferente. Somos oito no grupo, e cadaquén prefire un estilo, aínda que en xeral escoitamos ska clásico, reggae, e sobre todo punk-rock californiano, de bandas como NOF-X. Tamén hai quen gosta moito do rock estatal... hai bastante de todo, ao sermos tantos... así sale logo a mestura que sale.

Cantos sodes?
Ao principio eramos catro, tiñamos dez cancións propias e unhas quince versións. Logo se nos foron xuntando os ventos, Antonio, Birras e Anxo (trombón, trompeta e saxo respectivamente). E logo o técnico de son Andi, e o noso segundo corista Roge tamén viaxan canda nós. Cada día somos máis, imos ter que mercar un autobús para meternos todos.

Agora non facedes versións?
Non, tocamos xeralmente todo cancións nosas, aínda que dentro dun dos nosos temas, facemos unha alusión a unha canción de Kortatu. Uns quince segundiños.

Quen compón os temas?
A maioría eu, aínda que a miúdo alguén chega con algunha idea e a desenvolvemos entre todos. Ou me pasan unha letra e miro de encaixala...

De onde saiu o nome do voso segundo album, Fragasaurus Rex?

A idea ven de moi lonxe, cando nos xuntamos Dakidarría. Era a época da guerra do Iraq e do desastre do Prestige, e por entón Fraga estaba en boca de todos.

Como vos foi con este disco?
Pois tiñámolo gravadao xa en 2004, quedamos sen cartos para editalo. Estivemos máis de un ano facendo concertos para poder quitalo á rúa, e aínda que non é completamente autoeditado, posto que hai un selo maiorquín por aí tamén metendo cartos, custounos moito sacalo adiante en 2005 por fin .

E un ano despois, de xira por Mexico
Esta oportunidade xurdiu gracias a Vantroi. Son un grupo mexicano que fixera algúns discos aquí e, chamados por Barrikada, estiveron en España por unha temporada. Pronto colleron moito nome e viñeron á Galiza a tocar un par de veces, e aquí nos coñecemos, nunha das súas xiras. A finais de 2006 recibimos un día unha chamada de Gerardo, o cabeza do grupo, que nos ofreceu marchar con eles a xirar por México durante dúas semanas e alí que fomos.

O disco que vindes de quitar ten influencias da xira mexicana?

Sí e non. En “El futuro nunca existió” hai unha canción homenaxe que fala do tempo que pasamos alí, da xente que coñecimos e mesmo o cantante de Vantroi fai unha colaboración, pero en xeral, as cancións non teñen toques mexicamos por unha razón: os temas xa estaban feitos antes de que xurdira o da xira. Estabamos a pique de entrar a gravar o disco en estudo cando se presentou a oportunidade de marchar para México e claro, pospuxemos a gravación.

El futuro nunca existió” ten moitas colaboracións?
Pois a verdade é que sí, é un traballo moi longo e tamén moi completo. Tardamos nove meses en gravar e en tanto tempo xurdían continuamente novas ideas para melloralo. Hai más de vinte colaboracións que agradecemos a Juancar o cantante de Boikot, a Skacha, ao cantante de Vantroi, Gerardo, tamén a Skarnio... Incluso a miña nai colabora nun tema reggae, Ólleme. Escoiteina unha tarde e metina no estudo a cantar en francés.

Algún dos temas é moi reivindicativo, como Non se vende
Dakídarría é un grupo con moita mensaxe social. Aínda que reivindicamos a festa e sentimos que a vida é fermosa e mellor disfrutala, somos concientes das inxustizas que nos rodean. Hai algunhas tan grandes que non podemos deixar de falar delas, como a destrución das nosas costas pola especulación inmobiliaria.

Que mais denunciades?
A tortura animal, non só nas touradas, senón as industrias peleteiras ou as pelexas de cans... E tamén o acoso policial, o paro... nós sentimos a necesidade de plantar cara as inxustizas e apoiar a quen se organiza para cambiar as cousas.

Tendes videoclip?
Aínda non. Para o DVD fixemos algún documental, por exemplo sobre a xira mexicana ou o making of de “El futuro nunca existió”. Tamén temos feita algunha montaxe, pero o que é videoclip, aínda non. Tiñamos pensado, pero estamos tan cheos de concertos que nin tempo temos.

Como pinta o verán?
A verdade é que non nos podemos queixar, aínda que sempre queremos máis -por nós tocariamos todos os días ou alomenos catro ou cinco veces á semana. De tódolos xeitos, dende que quitamos o novo disco, que foi a finais de xaneiro, ya demos uns 40 concertos e este verán temos bastantes datas, así que a cousa parece que vai ben.

Para onde vai Dakídarría agora?

Vimos de tocar no desembarco viquingo de Catoira o venres un, logo estivemos en Granada e esta fin de semana tocamos na casa, no festival AlternaVigo. Nós tocamos o venres 8, no día do rock estatal xunto con Barricada, Reincidentes, Fe de Ratas... Logo estaremos no Berra Nigrán, cos nosos amigos de Vantroi, Tiro na Testa, Soak, Skacha e máis.

E a longo prazo?
Á parte destes concertos de verán, tiñamos pensado marchar a Alemania a finais de outubro. Este verán por un problema de datas non puidemos ir a México de novo a xirar con Vantroi, e nos quedou gana de viaxar un pouquiño.

Como vos deu por escoller Alemania?
Algúns amigos xa nos comentaran que se toca moi ben por alí, Obrint pas e mesmo os Vantroi tamén marcharan e quedaron contentos coa experiencia. Nós estaremos entre o 23 e o 30 de outubro, faremos catro ou cinco concertos e volvemos, a ver que tal se nos da.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: