Poderase votar até o 13 de agosto. A canción con máis apoios levará o premio do público, mentres que o xurado fará igualmente a súa escolla.
Esta é a aliñación de luxo que presentan Vieiros e o A Polo Ghit 2008: Chuliboy (Projecto Mourente), O reguetón de Maruxa (Joselito), Quero ver como te ris (Medomeda), Himno da crocha (Jabón Blue) e Vin en caiuco (Pulpiño Viascón), Arroz, da Banda Potemkin; Licor café, de Skándalo GZ; Planeta 19, de Boy Elliott & The Plastic Bags; Punteirolo pola escuadra, de Trapos sucios; Os dous amigos, de Roger de Flor; e Quente, de Sínefres. Son as once finalistas da terceira edición do concurso, que escollerá a canción do verán en Galiza.
Dende este sábado ao mediodía os lectores xa están votando polas súas cancións favoritas, e en pouco máis de 24 horas xa se rexistraron máis de 1200 votos. As votacións rematarán o 13 de agosto ás 0.00 horas e tres días despois, o sábado 16, o programa Extrarradio da Radio Galega e Vieiros darán a coñecer o nome do grupo ou solista gañador do A Polo Ghit deste ano.
A canción con máis apoios levará o premio do público, que se entrega por vez primeira, mentres que o xurado fará igualmente a súa escolla. O tema seleccionado polo xurado representará a Galiza no Liet Lavlut, o festival europeo da canción en linguas minorizadas, que se celebrará o 18 de outubro en Luleå, capital da Laponia sueca, organizada pola comunidade Sámi, gañadora do anterior certame.