O organismo, que dependerá da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, xa ten dispoñíbel a súa páxina web.
O Goberno apobou este xoves a creación do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (OCTUGA), que servirá de órgano colexiado consultivo e de apoio á investigación universitaria do país. Estará adscrito á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
Os cometidos fundacionais do OCTUGA serán recoller, tratar, validar e difundir os datos relativos á produción científica e á actividade investigadora no Servizo Universitario de Galicia (SUG) e mais os referentes á súa estrutura e funcionamento. Así, recompilará datos sobre a investigación e a produción científica nas tres universidades e efectuará a súa avaliación continuada. Tamén manterá a web octuga.es, onde se fará visíbel a información elaborada polo Observatorio.
Así mesmo, subministrará información sobre a situación estrutural e conxuntural aos axentes relacionados coa ciencia e a tecnoloxia do SUG, e publicará estudos sobre a materia. A súa organización estará composta por un pleno e mais un grupo de traballo. O primeiro estará presidido pola persoa titular da consellaría compentente, mentres que o segundo encargarase do funcionamento do Observatorio.
Xa está dispoñíbel a web do OCTUGA, onde se ofrecen indicadores e informes sobre a relevancia da investigación no SUG, como o gasto en I+D do sector do ensino superior en Galiza respecto do PIB, que no ano 2006 foi do 0,35% fronte ao 0,33 do Estado Español.