Segundo Pierre Kohler, un astrónomo e xornalista científico francés, nunha das misións do transbordador espacial, os e as astronautas mantiveron relacións sexuais para comproba-las posicións posibles nun ambiente de gravidade cero. Os astronautas levaron un programa de posicións escollidas previamente polos responsables dunha das misións do transbordador do ano 1996.
Pierre Kohler cita un presunto documento da NASA, rexistrado co
número 12-571-3570, onde estarían recollidos estes experimentos. Segundo Kohler, os
astronautas practicarían dez posicións seleccionadas a partir de simulacións feitas
cunha computadora. Estas experiencias
ocorreron nun dos catro voos dos transbordadores espaciais de 1996, cunha tripulación
formada por homes e mulleres. Nese ano, o transbordador espacial saíu sete veces, dúas o
Endeavour, tres o Columbia e unha o Atlantis. Delas
só catro levaron homes e mulleres: a STS-76 e STS-79
(Atlantis) e as STS-78 e STS-80
(Columbia). Consonte recolle Kohler nun libro de recente aparición (La
dernière mission: MIR, l aventure humaine) das dez posicións ensaiadas, seis
precisaron axuda mecánica, tal como o uso dun cinto elástico e un túnel inflable, para
mante-la parellas unida polo torso, a pelve ou as pernas. A CNN recolle as
declaracións de Douglas Millard, do departamento de Tecnoloxía Espacial do Museo de
Ciencias de Londres, dicindo que os información de Kohler son lixo e extremadamente
improbables.
Doutra banda, a actual misión do transbordador espacial Endeavour rematou a súa misión
cartográfica. O seu traballo consistiu na toma de datos para facer un mapa tridimensional
da Terra. 326 cintas dixitais gardan os datos cartográficos, o equivalente a 20.600
discos compactos. Cos datos e os novos mapas, o departamento de Defensa de Estados Unidos
mellorará a precisión dos seus proxectís, e no caso de mete-los fociños noutros
países (algo que adoita facer) mellora-lo despregue das súas tropas. Así a todo, unha
versión menos precisa dos mapas farase publica e terá outra finalidade ben distinta. Un
dos eidos de aplicación é a vixilancia dos movementos das placas litosféricas, dentro
do contexto da Tectónica de Placas. Os movementos de encaixe das placas e das fallas
asociadas son os responsables dos terremotos. Agárdase que o estudio das imaxes axude a
delimitar un pouco máis as zonas de maior risco sísmico. Para nós, o
público xeral, os mapas non estarán dispoñibles ata o ano 2003. Os mapas da
Endeavour recolleran o relevo de 119,05 millóns de quilómetros cadrados da
superficie terrestre.