Foi realizado por Carlos Alberto Alonso e presentouse este mércores no Castelo dos Andrade, en Pontedeume.
Ao pé do castelo dos Andrade, en Pontedeume, estreouse mundialmente este mércores o novo videoclip de Roger da Flor, correspondente á canción que o cantautor de Limodre (Fene) presentou a A Polo Ghit, e que foi incluída polo público entre as finalistas do concurso. O vídeo de Os dous amigos foi realizado polo realizador ferrolterrán Carlos Alberto Alonso (director de As Muxicas ou do programa de culto Gorevisión).
Alonso xa dirixiu un vídeo de Roger de Flor (Una desconocida más) e prepara dous máis (Lo que hay que aguantar e Un día monótono). No vídeo de Os dous amigos (que se incluirá no vindeiro álbum de De Flor, Naturalidad silvestre), que contou coa produción de Rubén Coca, cóntanse as peripecias do artesán e poeta Luís Maquieira e do trobador aresán coñecido como o Marqués das Viñas. No proxecto colabora a concellaría de cultura do Concello de Fene.
A estrea do vídeo estivo precedida dunha sardiñada con pan, viño e cachelos obsequio dos artistas aos afeccionados que até alí se achegaron.