O voceiro parlamentario do BNG considera que a Fiscalía debe tomar nota das irregularidades detectadas no informe do Consello de Contas de 2005 e meterlle man ao asunto.
Aymerich pide que se inicien as investigacións pertinentes toda vez que as ditas irregularidades "salpican a persoas relevantes". Refírese o deputado nacionalista entre outras a Francisco Vázquez, "un dos grandes beneficiados na política de mafias das concesións hidroeléctricas, nas que se primou o potencial enerxético aínda que xeraran maiores agresións ambientais e houbo uns tempos medios de tramitación de 7 anos salvo para algunhas empresas, para as que houbo unha inusual celeridade".
Aymerich tamén destacou a falta de concorrencia e obxectividade nalgunhas concesións e ironizou coas inisinuacións dos últimos días desde PP e PSOE ao respecto de "redes clientelares" no BNG "mentres están a saír á luz e a se demostrar este tipo de prácticas irregulares durante o último mandato do PP" con vencello incluído para membros do PSOE. Especialmente, chamou a atención sobre o 60% das concesións concentradas en empresas nas que participaba a mesma persoa, Luis Castro Valdivia, cuñado do que foi responsable da dirección xeral de Enerxía, Ramón Ordás.