Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TEATRO

Galaxia e Agadic presentan un ambicioso manual sobre literatura dramática

Coordinado por Manuel Vieites, compendia 21 traballos dunha ducia de investigadores.

Redacción - 09:30 31/07/2008

Literatura Dramática. Unha introdución histórica é unha obra singular e ambiciosa, polas súas dimensións e polos seus obxectivos. Nas súas caseque oitocentas páxinas percorre a historia da literatura dramática, dende o teatro clásico até as novas tendencias contemporáneas. E aínda que nun inicio buscaba centrarse nas tradicións occidentais, finalmente a obra adquiriu un carácter holístico, afondando igualmente no teatro oriental.

Son 21 traballos, de carácter divulgativo, realizados por investigadores das tres universidades galegas, como Inma López Silva, Laura Tato, Manuel Candelas, Dolores Vilavedra ou Afonso Becerreá, nunha edición moi coidada que mestura a análise cunha selección de fragmentos de obras.

Manuel Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, coordina a obra, o segundo dos Grandes Manuais de teatro publicados por Galaxia. Vieites salientou o papel que nos últimos anos veu cumprindo en Galiza a colección Biblioteca de Teatro da editorial (que chega xa a 19 títulos), ben a través dos breviarios, ben a través dos manuais, para fortalecer a formación dramática, que funcionou de xeito moi precario até hai pouco.

A este respecto, o director de Galaxia, Víctor Freixanes, reafirmou o seu compromiso coa colección, "un proxecto estratéxico, a longo prazo" que, dixo, "compón un discurso de universalidade, a maneira de pensarmos o mundo dende Galicia". A este respecto, para Vieites, "non existe en castelán un manual deste tipo", e salientou a importancia de publicar libros como este, "que constrúen un coñecemento que serve para outras linguas, colocando no mundo o noso país, a nosa lingua e o noso pensamento". Ambos os dous coincidiron na necesidade de reforzar a formación teatral no noso país "que naceu do entusiasmo dun grupo de xente", de sistematizala e de dotala de competencia.

Finalmente, débese apuntar que se trata dunha obra singular, tamén, por tratarse do derradeiro libro no que aparece o logotipo do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), substituído xa pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), cuxo director, Miguel Martín, participou igualmente na presentación.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Miguel Martín, Manuel Vieites e Víctor Freixanes, este mércores na presentación
Miguel Martín, Manuel Vieites e Víctor Freixanes, este mércores na presentación
Capa do libro
Capa do libro