O ex presidente portugués estreou, o mes pasado, programa na RTP1 no que pasa de entrevistado a entrevistador. Velaquí un retallo daquela primeira entrevista feita por Soares (aínda que dobrada ao castelán pola televisión venezolana).
Pequeno deseño do programa de Soares
Ten 83 anos e é o político máis coñecido de Portugal (foi presidente e primeiro ministro no seu país); mais agora cambiou de papel, pasando de entrevistador a entrevistado.
O pasado mes de xuño a RTP1, a televisión pública portuguesa, estreaba o programa Conversas de Mário Soares, unha serie de 13 entrevistas a líderes políticos de todo o mundo que comezaba co presidente venezolano Hugo Chávez, un bo amigo do político portugués.
Tendo en conta que a hora de emisión non é prime time e que non é un programa que atraia moitos espectadores en Portugal (andan un millón e medio deles enganchados a unha telenovela que se emite case á mesma hora, de segunda a sexta feira), o resultado deixou encantados aos directivos da televisión portuguesa: un 12% da cota de antena (380 mil espectadores).
A entrevista con Chávez: "o socialismo faise todos os días"
A entrevista con Chávez gravouse en maio en Venezuela. Até o salón presidencial de Caracas viaxou o octoxenario político portugués para manter unha conversa co líder venezolano, baixo un retrato de Simón Bolívar en un cuarto vestido de vermello. Soares deixoulle falar a Chávez, só interrompéndoo para acompañar as súas afirmacións. Son 50 minutos de entrevista que se poden seguir dende a web da RTP1, ou ver un retallo (aínda que con Mario Soares dobrado ao español) que apareceu na TV venezolana e subiron ao YouTube, e que agora vos amosamos aquí ao lado.
Ao comezo da entrevista, Hugo Chávez di que el é "un loitador contra todas esas ditaduras", ao tempo que acrecentaba que "e a ditadura chámame a min ditador". En toda a entrevista fala da revolución bolivariana e de "como se fai o socialismo de todos os días", ao tempo que salienta que "o que teña dúbidas en Europa" do que está el a facer no seu país, "que aplique o principio bíblico: o que teña ollos, que vexa, e o que teña oídos que oia. Veñan a Caracas en calquera momento e verán a máis grande das liberdades, que nunca antes viron en Venezuela".
A seguir á de Chávez, veu unha conversa co presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, mais na listaxe tamén hai xente coma o ex dirixente comunista Santiago Carrillo, Sergei Yastrzhembskiy, conselleiro do presidente ruso, Vladimir Putin, ou o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero.