Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'MÁIS LIBROS, MÁIS LIBRES' LEVA A LECTURA ÁS PRAIAS

Aos libros vailles entrar area

Un autobús percorrerá 16 areais de todo o país achegándolles libros ás persoas que neles se atopen.

Redacción - 09:30 30/07/2008

O grande obxectivo da campaña Máis libros, máis libres era achegar os libros á xente, ampliando os ámbitos e os espazos para a lectura. Así, leváronse libros aos centros de atención primaria (programa Lendo Espero), panaderías (Pan con Poesía), piscinas públicas (Ciclobibliotecas), e casas de turismo rural (Palabra na solaina). E agora ás praias.

Dende esta semana e durante todo o mes de agosto o autobús de 'Máis libros, máis libres' percorrerá as praias da Coruña (Riazor), Ribadeo (praia dos Castros), Viveiro (praia de Covas), Foz (praia da Rapadoira), Ferrol (praia Doniños, zona de Outeiro), Carballo (praia de Razo), Boiro (praia Barraña), Cangas (praia Rodeira) e Vigo (Samil). Estará tamén nos centros de Vilagarcía, O Grove e Pontevedra. E mesmo visitará as praias fluviais de Ourense, Allariz e O Barco.

En cada un destes lugares repartiranse libros. Ademais, o autobús estará acompañado por varias ciclobibliotecas con contacontos e outras actividades de dinamización para os máis novos.

Esta iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural encádrase dentro do Plan da Lectura, que presentou Ánxela Bugallo no Parlamento en outubro. O plan ordena por primeira vez de forma integral todos os esforzos que se realizan para incrementar o hábito da lectura e fortalecer todos os actores do sector, desde libreiros a bibliotecas ou editores, para o que se prevé un investimento total de 50 millóns de euros até o ano 2011.


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: