Terry Childs, que permaneceu detido todo ese tempo, só aceptou cederlle as claves ao alcalde en persoa.
Gavin Newsom, alcalde de San Francisco
Un dos administradores da rede interna do concello de San Francisco, EUA, Terry Childs, tivo durante dúas semanas sen servizo os empregados municipais. Aparentemente sen explicación, o 12 de xullo bloqueou a infraestrutura.
Malia que foi arrestado o 13 de xullo, Childs non quixo facilitar as claves da rede, que cambiou para que ninguén máis puidese acceder a ela. Non serviron as advertencias, nin o feito de estar na cadea baixo unha fianza de 5 millóns de dólares, nin a ameaza da fiscalía de sete anos de cadea.
O administrador só aceptou desbloquear a rede cando os representantes municipais cederon á súa petición de concertar unha cita co alcalde, Gavin Newsom, sen coñecemento da fiscalía. Segundo Childs, o alcalde fora a única persoa que moderou as críticas cara a el cando o bloqueo se fixo público.
O informático, que deixou sen rede o concello nun ataque de xenreira, asegurou que os seus superiores desprezaban sistematicamente as normas de seguridade, mentres que eles afirman que o avisaran, baixo ameaza de despido, pola súa insubordinación.