Sex Pistols, Editors, Primal Scream, The Mars Volta ou Thievery Corporation estarán na praia fluvial do Tabuão dende o xoves 31 até o domingo 3.
Na edición de 2007 ao redor da metade dos máis de trinta mil asistentes diarios ao Festival de Paredes de Coura eran galegos. Trátase do único festival de rock de primeiro nivel que se celebra todos os anos perto de Galiza, a uns 25 quilómetros de Tui, e a calidade dos cartaces dos últimos anos consolidouno como unha cita obrigada para todos os afeccionados á música alternativa no noso país.
A popularidade de Paredes disparouse no 2005 cando coincidiron no seu escenario bandas de tanta categoría como Pixies, Arcade Fire, Kaiser Chiefs, Nick Cave, !!!, Foo Fighters ou Queens of the Stone Age. Sen repetir seguramente o nivel de calidade daquel ano, nun mercado dos festivais cada vez máis competitivo e cos cachés das bandas nunha progresión exponencial, o certo é que Paredes de Coura nunca defraudou aos seus asistentes.
Este ano adianta as súas datas até a derradeira semana de xullo, e aumenta até catro os días de concertos. E coma sempre, ofrece unha programación equilibrada entre grandes nomes e novas apostas. Ábrese o xoves 31 co regreso dos Sex Pistols, trinta anos despois do seu Never Mind the Bollocks, precedidos por Mando Diao, The Bellrays e X-Wife, tres bandas que actuaron recentemente no noso país. O venres chega o día forte do festival, ca presenza de The Rakes, The Sounds, Two Gallants, e sobre todo de Editors e Primal Scream, que presentan o seu novo álbum Beautiful Future.
O sábado 2 Paredes de Coura terá que competir co Creamfields Vigo, que se celebra esa mesma noite no IFEVI e que de seguro atraerá a atención dos máis afeccionados á electrónica. en Paredes será a noite de The Mars Volta. Finalmente, o domingo 3, o festival pecharase con The Lemonheads e Thievery Corporation.
Nesta edición non actuará en Paredes grupo galego ningún, como si o fixeron The Blows ou 6PM o pasado ano, ou Cat People hai dous anos. Pero iso de seguro non impedirá unha numerosísima presenza galega, que xa se afixo sen problemas a pedir um copo de cerveja.