Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
festival senuncan do carballiño

"Todos sentimos que en Chotokoeu había algo moi puro"

Sete rapaces coruñeses "na procura dunha fusión reflexiva" que fan a música que gostarían de escoitar.

Clara Figueroa - 09:30 01/08/2008

Chotokoeu é un grupo novo de xente moi nova (a media de idade non pasa dos 23 anos). Son músicos autodidactas e multiinstrumentistas que apostan por un estilo fusión, experimentando libremente co reggae, o swing, os ritmos afrolatinos ou mesmo o ska, pero sempre con un filtro galego. Mesturan temas moi optimistas con outros máis reflexivos que invitan a parar e pensar na realidade que nos rodea.

Esta fin de semana poderemos velos actuar no Festival Senuncan d'O Carballiño (Ourense), un festival gratuíto e autofinanciado, con acampada libre.

Como vos coñecestes?
Os catro percusionistas do grupo coincidían tocando os seus instrumentos nas rúas e prazas de Coruña, ou na praia. A rúa parécenos un lugar moi agradecido para tocar e compoñer. Aos poucos precisaron unha vocalista e tamén un par de instrumentos máis, así que nos chamaron e xa nos xuntamos os sete.

Por que buscaron máis compoñentes?
Porque nun primeiro momento, Chotokoeu naceu por encarga dunha produtora musical que vira tocar aos percusionistas nunha jam session. Eles querían un grupo fusión con esencia galega e unha voz feminina, así que comezaron a busca.

Puxeron avisos nas portas dos bares?
Non, aínda que ese é o xeito normal de achar compañeiros, con nós foi algo moi máxico. Todo foi un cumio de casualidades, porque un coñecía ao baixista, e logo outro a Marta, a voz do grupo. Tamén resultou que eu coincidía noutro grupo, os Rumbo Tupá, con dous dos percusionistas e así nos xuntamos unha banda de xente que nunca tocara en conxunto.

Xa tiñades experiencia anterior?
Tres de nós tocabamos en Rumbo Tupá, que nacera so uns meses antes que Chotokoeu, pero ningún estivera antes nun grupo nin nada semellante. Ademais todos os integrantes do grupo aprenderon a tocar cadanseu instrumento pola súa conta.

A encarga da produtora xa estaba ao completo.
Si, pero aínda non sabiamos como sería tocar entre nós. Gravamos tres temas de estudio coa produtora e máis un videoclip, pero logo desvencelláronse do proxecto e alí quedamos nós, un grupo de xente nova, sen experiencia e sen formación musical!

O normal sería desfacer o grupo.
Si, e de verdade que non dabamos dous duros por nós mesmos, pero resultou que funcionamos xuntos. Que todo fluíu con moita maxia. Eramos sete rapaces autodidactas, a meirande parte multiintrumentistas e como grupo, moi humanos. Todos notamos que en Chotokoeu había algo moi puro e decidimos continuar. Foi algo incrible.

Por que a produtora deixou de apoiar o proxecto?
Penso que foron problemas económicos. Gravamos a maqueta e o clip un pouco ás presas. Non é que non esteamos satisfeitos, pero con máis tempo as cousas fanse mellor. Supoño que logo quixeron vender o produto a un prezo moi alto e decidiron que non daba rendibilidade.

Xa destes o voso primeiro concerto?
Tocamos xa nalgúns locais de Coruña, no Jazz Vides ou no Garufa. Logo fomos tocar a Betanzos na inauguración dunha exposición. Tamén participamos no premio Rockódromo de Porto do Son, e quitamos o 2º premio.

Ides tocar este verán?
Si, temos xa varias datas. Tocaremos os dous grupos [Chotokoeu e Rumbo Tupá] a primeira fin de semana de agosto no Festival Senuncan do Carballiño. E logo estaremos en Boiro con Lamatumbá e no Festival Interurbán de música CRUNIA, cós Ruxe ruxe.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: