"Non se pode contratar co Concello e ao tempo ser voceiro do PP na oposición", explican desde o partido, afirmando que a actitude de Luís Ceán "non é ética".
"Non é ético que alguén acepte os traballos da mesma corporación municipal na que é representante", explicou Diego Calvo Pouso, secretario xeral provincial do PP. Por este motivo, o concelleiro do PP Miguel Ángel Fernández Mirás será o novo voceiro do PP en Malpica, segundo anunciou o partido este sábado. Fernández Mirás substitúe así a Luís Ceán a quen a dirección provincial convida ademais a abandonar o cargo de concelleiro.
"O PP non lle vai dar cobertura a obras ilegais do alcalde", dixo Calvo Pouso para xustificar a decisión. Na súa opinión trátase dunha decisión imprescindíbel para manter a "independencia e autonomía" do PP en Malpica. "Era unha situación que non podíamos consentir e por iso decidimos actuar", dixo, "queremos ser un referente ético e moral para a cidadanía, e por iso estamos hoxe aquí". "O doado sería facer a vista gorda, pero nós pensamos que hai que ser consecuentes", xustificou.
A dirección provincial do PP cursoulle hai xa días a solicitude de dimisión a Luís Ceán, quen á súa vez lle confirmou ao partido que deixará o Partido Popular, pero advertiu de que pensa manter a acta de concelleiro.