A canle privada española fai xusto o contrario ca as demais, que aproveitan as posibilidades de autopromoción da web de Google.
Un xulgado de Madrid estimou a solicitude da canle de televisión Telecinco de que non se ofrecesen no portal YouTube vídeos de programas propiedade da empresa. Gestevisión Telecinco presentara unha denuncia perante o xulgado do Mercantil número 7 da capital española contra YouTube por considerar que violaba a propiedade intelectual da canle.
O auto, apelábel, pide a "suspensión da utilización das emisións e gravacións audiovisuais" que pertenzan á canle en YouTube que non conten coa autorización por escrito de Telecinco e de Telecinco Cinema.
O texto pídelle a Telecinco que presente unha garantía de 100.000 euros para que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións para que "proceda á suspensión das emisións".
A estratexia seguida pola canle privada é diametralmente oposta á que practican outras canles do Estado Español: Televisión Española, Cuatro e Antena 3 contan con cadansúa canle en YouTube, ao igual ca a TVG, mentres que La Sexta tolera que diferentes usuarios suban vídeos dos seus programas e, ao igual ca as demais, benefíciase da publicidade que lle supoñen.