O BNG pide que se convide a outras formacións ao diálogo, despois de que os líderes de PSOE e PP acordasen a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, o Constitucional e rexeitar calquera diálogo coa ETA.
"É moi preocupante que se realicen pactos pechados entre o PP e o PSOE, que se chegue a pactos de Estado como na Xustiza excluíndo ao resto de partidos políticos" , afirmou este mércores Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Congreso. "O diálogo é un elemento normalizador, e nos nos acordos deben participar todas as forzas políticas", engadiu.
A preocupación expresada por Francisco Jorquera chega despois de coñecerse o contido da xuntanza entre o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, e o líder do PP, Mariano Rajoy. Segundo se desvelou á saída desta reunión, existe consenso entre PP e PSOE para deseñar o próximo mes de setembro a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Constitucional. Jorquera dixo agardar que na próxima xuntanza co presidente do goberno español, o próximo luns, se aclare se existe disposición a incluír a todas as formacións políticas nestes acordos.
Jorquera referiuse especialmente ao eido xudicial, no ámbito do cal recordou que "é necesario superar a instrumentalización partidista dos órganos xudiciais". E por este motivo que insistiu na importancia de que a renovación se realice como froito do acordo de todos "e non do reparto de cotas entre o PP e o PSOE".
Zapatero e Rajoy din ter chegado ao "consenso antiterrorista"
O rexeitamento a calquera vía de negociación coa ETA é outro dos puntos consensuado por Zapatero e Rajoy nesta xuntanza. Ademais, segundo transcendeu, promoverán conxuntamente unha "lei de atención ás vítimas do terrorismo".
Sobre este aspecto tamén opinou Francisco Jorquera, para quen neste ámbito o necesario "é a unidade de todas as forzas políticas democráticas sen exclusións". "Para conseguilo é preciso que o terrorismo non sexa utilizado de maneira partidista", dixo Jorquera.
Ao fío afondou o coordinador xeral de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares, quen criticou que PSOE e PP teimen nun "pacto exclusivo" fronte á ETA e censurou que deixen de lado os partidos vascos. Llamazares opinou que alén do "positivo" de que os partidos maioritarios no Congreso "deixen de lado a crispación", os pactos en "temas de Estado clave" como é a modernización da Xustiza, deberan contar co diálogo co resto de representación na Cámara baixa.