Este mesma semana presentaron a súa oitava fichaxe, o dianteiro David Rodríguez, que chega cedido polo Almería.
"Estou con moita forza, a que me dá o meu amor polo Celta", dixo Carlos Mouriño, presidente da entidade celeste, esta terza feira nunha conferencia de prensa que deu acompañado do director xeral do clube, Antonio Chaves.
Mouriño falou tamén do proceso concursal ao que está sometido a entidade, salientando que "non está a influír nin desenvolvemento administrativo, nin no técnico nin no deportivo do clube. A entidade non está a sufrir ningún tipo de paralización". O presidente da entidade celeste tamén salientou que "non contempla" a posibilidade de que o Celta poida desaparecer: "se os axentes concursais contemplasen esta posibilidade non estariamos fichando xogadores a este ritmo. Non podo responder por eles, pero non me transmitiron, en ningún momento, o temor de que puidésemos chegar a esta situación".
Polo seu lado, Chaves fixo un chamamento aos afeccionados para que apoien o equipo e describiu os proxectos nos que están inmersos, entre eles a 38 edición do Trofeo Cidade de Vigo, no que o Celta se ha enfrontar ao Sparta de Róterdam, o vindeiro 23 de agosto en Balaídos.
A última fichaxe
O Celta acaba de fichar o dianteiro David Rodríguez (Talavera de la Reina, 1986), que chega cedido, para a vindeira tempada, polo Almería. O dianteiro espertou un grande interese nos clubes de Segunda após destacar como goleador no Salamanca. Ademais, foi campión de Europa Sub 17.
Coa súa chegada, a zona dianteira celeste queda un bocado máis reforzada, após a marcha de Okkas, Diego Costa e Quincy.
A fichaxe de Rodríguez e a oitava este ano, xunto coa de Edu Moya, Trashorras, Falcón, Noguerol, Fajardo, Notario e Ghilas. Xunto a eles, cinco mozos da canteira han reforzar o primeiro equipo: Yoel, Víctor, Richi, Ferrán, Mateo, Aitor, Iago Aspas e Maric.
Seguen os problemas
Esta cuarta feira sóubose que o equipo celeste pretende levar a Lequi e a Guayre a un expediente de regulación de emprego, se non hai un acordo para rescindir o seu contrato. Segundo Mouriño, as contías que se lles adebeda das súas nóminas son insumíbeis para a entidade.
Ademais, na actualidade o Celta ten denuncias na AFE (Asociación de Futbolistas Españois) por valor de 2,5 millóns de euros. Dúas das denuncias foron presentadas por Lequi e Guayre, mais tamén fixeron cadansúa os xa ex célticos Ángel López, José Manuel Pinto e Yago Alonso.