Actuarán no escenario do Castelo, con capacidade para unhas sete mil persoas.
O Festival de Músicas do Mundo de Sines é unha das citas musicais máis importantes da Península, sobre todo se pechamos o foco sobre os festivais dedicados á world music. Dez anos de historia, dez días de duración, catro escenarios con capacidade para máis de trinta mil espectadores, e a presenza de estrelas da música de todos os continentes converten o evento nunha data clave no verán.
Sobre todo este ano, polo éxito colleitado por cada un dos concertos, entre os que destacou a actuación da superestrela india Asha Bhosle, o guitarrista chinés Cui Jian, os norteamericanos The Last Poets ou o malí Rokia Traoré. E con presenza galega, que se abriu o pasado xoves 17 co concerto ofrecido por Serra-Lhe Aí!!! e Os Rosales. Este 24 de xullo, véspera do Día da Patria, a noite en Sines volverá ter cor galega, coa actuación de Marful no concerto estrela da noite, acompañando no escenario do Castelo, con capacidade para sete mil espectadores, á Orchestra Baobab, de Senegal, e Toto Bona Lokua (Antillas Francesas, Camerún e Congo).
Ademais deste concerto, en gran formato, Marful está realizando unha xira de presentación das cancións que fan parte do seu novo disco. Estes concertos teñen un carácter íntimo, con aforo reducido e un gran contacto co público. Estarán o 8 de agosto en Carral, o 10 no Grove, o 12 en Celanova, o 15 en Cedeira, o 23 na Coruña, o 4 de setembro en Pontevedra e o 14 no Barco.