Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Após o seu cuarto adestramento colectivo

O Karpin Galicia comeza a escoller na canteira

O equipo ciclista vai "probar" ao Sub 23 Marcos García na 'Vuelta a Burgos'. Ademais, o líder Mosquera vai reaparecer esta sexta feira en Ordizia.

Redacción - 11:15 23/07/2008
Álvaro Pino, supervisando o cuarto adestramento colectivo do KGZ

Álvaro Pino, supervisando o cuarto adestramento colectivo do KGZ

O equipo ciclista profesional galego desenvolveu o seu cuarto adestramento colectivo de xullo, en Samil (Vigo), acompañado por algunhas das promesas do ciclismo do país, que pedaleaban ante a atenta ollada dos directores deportivos do KGZ.

Nesta sesión, dun percorrido de 130 quilómetros, participaron ciclistas amadores convidados, pertencentes aos equipos Cambre-Frisonoble, Chint-Autronic e Super Froiz; así como corredores galegos que militan nos equipos Caja Rural e Cai. Polo camiño tamén se sumaron á primeira parte do adestramento outros dous profesionais galegos: Enrique Salgueiro (Extremadura) e Pedro Fernández (Loulé).

O Sub 23 Marcos García, o escollido
Após a xornada, o KGZ revelou que o ciclista Marcos García Fernández, da categoría Sub 23 e do Supermercados Froiz, vai realizar unha proba co equipo na 'Vuelta a Burgos', competición que se desenvolve do 5 ao 9 de agosto.

Marcos García é un mozo madrileño de 21 anos que presenta xa un brillante palmarés, no que destaca a vitoria na clasificación xeral da Volta a Biscaia e o primeiro posto nas etapas raíñas da Volta a Palencia 2007 e no Campionato de Madrid do mesmo ano. García destaca especialmente na montaña e xa fixo parte, en varias ocasións, da selección estatal Sub 23. De saír todo ben en Burgos, este mozo podería ser unha das novas incorporacións do KGZ para a tempada que vén.

A reaparición de Mosquera
Por outro lado, após o cuarto adestramento colectivo, confirmouse o equipo que vai participar a vindeira sexta feira na Clásica de Ordizia. A principal novidade é a reaparición de Ezequiel Mosquera, que dende o 21 de maio non collía unha bicicleta en competición (naquela altura, abandonaba a Volta a Cataluña cunha fractura de clavícula).

Xunto con Mosquera han viaxar a Euskadi Iban Mayoz, David Herrero, Carlos Castaño, Gustavo Domínguez, Ramón Troncoso, Gonzalo Rabuñal, David Abal, Delio Fernández, Juan Mourón e Jesús Cobelo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: