Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BERTA DÁVILA LEVA O 'BIBLOS-PAZOS DE GALICIA'

A 'Xeración Xabarín' xa gaña premios

Presentou unha proposta de novela, 'Bailarei sobre a túa tumba', que se converterá en libro coa dirección de Agustín Fernández Paz.

Redacción - 17:55 21/07/2008

A Xeración Xabarín, os mozos e mozas que naceron na década dos oitenta e "viron os xogos olímpicos na tele, pero non se lembran demasiado", en palabras de Berta Dávila, é a protagonista da que será a súa primeira novela, chamada polo de agora Bailarei sobre a túa tumba. Co proxecto que presentou fíxose co 4º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos, que lle permitirá desenvolver e rematar o libro, coa axuda dun ordenador portátil, unha estadía dun mes na Casa Grande do Bachao para ultimar a obra e a colaboración de Agustín Fernández Paz, que exercerá de titor. Zeltia Regueiro Fuentes, de Cambre, ficou como finalista do premio.

Berta Dávila ten tan só 21 anos. Naceu en Santiago de Compostela e estuda Filoloxía na Coruña. Malia á súa xuventude, fíxose con númerosos premios literarios, como o Minerva de poesía en dúas edicións (2004 e 2005), e varios premios en campañas sucesivas de Entre Nós en Galego (2002, 2003, 2004 e 2005), pero sobre todo o Avelina Valladares de poesía concedido polo Concello da Estrada, que obtivo en maio de 2008.

Sobre o proxecto presentado por Berta Dávila, Agustín Fernández Paz afirmou que "se o tema ten interese, non o ten menos a forma de narrar que nos descobre na selección de páxinas do texto que presenta: hai unha madurez no emprego das estratexias narradoras, uns diálogos cargados de vida, un intento de trasladar á escrita o ton vital e os rexistros lingüísticos desta xeración de mozos e mozas que viven agora a década dos vinte anos".

As tres edicións anteriores do Premio Biblos-Pazos de Galicia foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor, e Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade.


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: