Un comunicante anónimo, que falou en nome de ETA, avisou ás 10.30 de que as explosións se producirían entre as 12.00 e as 15.00 horas deste domingo.
Pasadas as 12.00 horas deste domingo estouraba no paseo marítimo de Laredo (Cantabria) un artefacto, do que se descoñece polo momento a súa potencia, sen causar danos persoais xa que a zona fora desaloxada.
Pouco antes das 13.00 horas facía explosión un segundo, neste caso na praia de Ris de Noja, tamén en Cantabria, nunha zona de dunas, polo que os danos materiais non foron cuantiosos.
Un comunicante anónimo, que falou en nome de ETA, informou o domingo pola mañá da colocación de catro artefactos explosivos, nestas dúas praias e no campo de golf desta última localidade, segundo informaron os Bombeiros da Deputación foral de Bizkaia, onde se recibiu a chamada.
O aviso tivo lugar ás 10.30 horas e o comunicante sinalou que as bombas explotarían entre as 12.00 e as 15.00 horas.
(Actualizado ás 14.25 horas)
Ás 14.05 hora fixo explosión un terceiro artefacto na praia de Laredo, a uns 300 metros do lugar onde estourou o primeiro. O explosivo estaba situado nunha caseta da cruz vermella e só provocou algúns danos materiais.
(Actualizado ás 15.05 horas)
Pouco antes das 15.00 horas, produciuse a explosión do cuarto artefacto anunciado, tamén na localidade de Noja, concretamente no campo de golf.