Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Escola de Verán FAES-PP, en Sanxenxo

Javier Arenas defende o "galeguismo constitucional" para "unha nova etapa" en Galiza

Para o vicesecretario xeral de Política Autonómica do PP, Feijóo é "brillante, bo parlamentario e bo comunicador" e unha "garantía de futuro".

Redacción - 19:15 19/07/2008

O vicesecretario xeral de Política Autonómica do PP, Javier Arenas, erixiu este sábado ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, en "líder" para afrontar "unha nova etapa" en Galiza cuxo futuro é o "galeguismo constitucional" nun contexto de crise económica. Ao seu xuízo, o presidente dos populares galegos é "brillante, bo parlamentario e bo comunicador" e unha "garantía de futuro".

Na súa intervención na Escola de Verán organizada polo PP e a fundación FAES esta fin de semana na localidade pontevedresa de Sanxenxo, Javier Arenas considerou que, malia estar na oposición, Núñez Feijóo "lidera a política en Galiza" porque "formou parte do goberno nos mellores momentos" para o país, que se corresponden cos anos en que o PP lideraba o Executivo autonómico e estatal.

Deste modo, Arenas puxo de manifesto a "sintonía" entre o PP español e o galego, que "non parece apreciarse no PSOE", onde considerou que a representación de Galiza é "insignificante".

Durante o seu discurso, no que dixo estar "satisfeito" por estar no noso país, outorgoulle ao bipartito da Xunta o "premio á rapidez" porque, ao seu xuízo, "ten mérito en só tres anos de goberno estar a caer nos tics de comportamento que teñen os socialistas en Andalucía, que levan 26 anos" no poder.

"Galeguismo constitucionalista"

Neste senso, defendeu o "andalucismo constitucionalista" do PP, e relacionouno co "galeguismo constitucionalista", que "non debe confundirse co "nacionalismo insolidario". "O que ten futuro é o galeguismo constitucional", proclamou. "Por sorte, non todos os andaluces somos iguais, nin todos os galegos sodes iguais", proclamou o líder popular andaluz..

Rematado o discurso, ante os medios, Arenas tamén se referiuse á necesidade de modificar a lei electoral para que "non haxa gobernos perdedores anti-PP que se fraguan nos despachos" en referencia a que goberne a lista máis votada.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: