"É un primeiro paso que debe ser complementado cun tratamento diferenciado dos produtores medianos e pequenos", din dende a Federación Agraria Arxentina.
O goberno arxentino derrogou este venres o decreto ditado o 11 de marzo pasado polo cal se instrumentou o chamado sistema de retencións móbiles, que aumentaba a alícuota a pagar polas exportacións de grans segundo se incrementasen as cotizacións nos mercados internacionais.
O xefe de gabinete, Alberto Fernández, e o ministro de Economía, Carlos Fernández, fixeron o anuncio nunha conferencia de prensa na Casa Rosada, sede do Executivo. Mediante o decreto 1.166 quedou derrogado o sistema que impuxera o ex ministro de Economía Martín Lousteau.
A derrogación do sistema decidiuse logo dunha reunión coa presidenta, Cristina Fernández, e despois de que na madrugada da quinta feira ao venres a Cámara de Senadores rexeitase o proxecto de lei para protexer o sistema de retencións.
O presidente da Federación Agraria Arxentina, Eduardo Buzzi, cualificou a noticia de "positiva". "É un primeiro paso que debe ser complementado cun tratamento diferenciado dos produtores medianos e pequenos", declarou.