O rapaz de Olot, que publicou o seu primeiro cómic aos dezaseis anos, é fanático do manga, do anime e do heavy metal.
O mozo catalán Ernest Sala resultou gañador do 10º Certame de Cómic de Cangas (Pontevedra), organizado pola Concellería de Xuventude con motivo do 12º Salón do Cómic. A historia de catro páxinas “The Metal” valeulle a Sala o primeiro premio, dotado con 400 euros máis a súa publicación.
Ernest Sala explicou que ‘The Metal’ “non pretende ter ningún trasfondo transcendental, simplemente quería contar unha pequena historia coa que a xente se divertise”. En catro páxinas reflicte algúns tópicos heavies colocando ao protagonista en distintas situacións, “sen afán de menosprezar esta forma de entender a vida”, xa que o propio autor é un fan da música metal. Sala é consciente de que “as historias curtas adoitan transmitir moito máis mensaxe e máis directo que as historias longas”.
Enest Sala estuda Arte Gráfica en Barcelona e conta entre outros premios co terceiro posto do Megara Wants You 05, que lle permitiu publicar o seu primeiro cómic aos 16 anos. En 2008 recibiu a mención especial do xurado no premio Serra i Moret da Generalitat de Catalunya.
Máis de 70 traballos
A Concellería de Xuventude recibiu para o 10º Certame de Cómic un total de 72 traballos. Vinte concorrían na categoría A, trinta na B e 22 no apartado de Viñeta Xove. As obras premiadas publicaranse no sexto número da revista O Tebeo, editada polo Concello de Cangas, e permanecerán expostas no Auditorio Municipal durante o 12º Salón do Cómic, que se celebrará do 21 ó 27 de xullo.
O concurso, dirixido a mozos artistas de ata 35 anos, admitía orixinais con textos en galego, presentados de xeito individual ou conxuntamente entre guionista e debuxante. Requiríase que fosen de creación propia e inéditos, con temática libre, e cunha extensión de catro páxinas para as categorías A e B, e de dúas a catro páxinas a Viñeta Xove.
Os 300 euros do segundo posto foron para o ‘Wonderfood World’ da canguesa Susana Broullón, que quedou clasificada en numerosas edicións. O terceiro premio, de 180 euros, compárteno o pontevedrés David Braña, como guionista, e o debuxante Juan Antonio Martínez Alarcón, de Ciudad Real, que presentaron a historieta ‘A Marea’.
O xurado estaba composto polos recoñecidos debuxantes Kenny Ruiz, José Antonio Calvo e Jvlivs.