Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Máis triatlón

Os equipos galegos destacan na Copa do Rei de triatlón

O Cidade de Lugo foi 2º na clasificación feminina, e 6º na masculina, mentres o Bricosa de Santiago foi 8º. Tamén se desenvolveu a final do Galego en categorías inferiores.

Redacción - 10:59 15/07/2008
Cartaz da Copa do Rei de Palma de Mallorca

Cartaz da Copa do Rei de Palma de Mallorca

Este domingo en Palma de Mallorca desenvolveuse a Copa do Rei de Triatlón, unha competición que se disputa na modalidade de contrarreloxo por equipos en distancia sprint: 0,75 km de natación, 20 km de ciclismo e 5 finais de carreira a pé.

Nesta ocasión o mellor resultado dun clube galego acadouno o equipo feminino do Cidade de Lugo (formado por Saleta Castro, Lara del Valle , Pilar Hidalgo e Aida Valiño), que quedou segundo entre 21 equipos. As mozas do equipo lugués só foron superadas polas madrileñas do Canal de Isabel II. Os mozos foron sextos.

Na proba masculina tamén destacou o Bricosa Arcade Inforhouse de Compostela, que foi oitavo nunha proba na que participaron un total de 43 equipos.

Final do Campionato Galego de Categorías Inferiores
Tamén o domingo, mais desta volta en Baiona, desenvolveuse a final do Campionato Galego de triatlón para as categorías inferiores (alevín, infantil e cadete).

A este evento o Cidade de Lugo inscribiu máis de 30 rapaces, o que denota o traballo que se fai dende o clube pola base do triatlón galego. En canto aos resultados, destacou a primeira praza acadada por Melina Alonso (tamén campioa do Estado na categoría cadete) e o subcampionato de Andrea Vázquez (que foi sexta no Campionato Estatal), ámbalas dúas do Cidade de Lugo. Terceira foi Leila Díaz (Ecological Fogar Triatlón Carballo). Entre os mozos desta categoría o mellor foi Diego Paz (Atletismo Porriño). Pedro Nuno Araújo foi segundo e Iván Castro (Triatlón Motobike Pontevedra) foi terceiro.

O Campionato alevín masculino foi para Max Galván (Cidade de Lugo), que entrou na meta seguido de Anxo Lema (Club Olímpico de Vedra) e terceiro foi Martín Liste (Bricosa Arcade Inforhouse). A mellor das mozas da categoría foi Sara Penedo (San Miguel de Oia), seguida de María Abeledo (Cidade de Lugo), que foi segunda, e de Xiana Rendo (Bricosa Arcade Inforhouse), terceira.

Na categoría infantil o Campionato feminino foi para Leticia Baña (Ecological Fogar Triatlón Carballo), o subcampionato para Laura Blanco (Cidade de Lugo) e terceira foi María Verdia (Ecological Fogar Triatlón Carballo). Entre os mozos desta categoría destacou Daniel Area (Ecological Fogar Triatlón Carballo), que entrou na meta de primeiro, seguido do seu compañeiro Antón Muíño (Ecological Fogar Triatlón Carballo) e de Mario Agritos (Bricosa Arcade Inforhouse).


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: