Estanse a destruír zonas húmidas nas Ribeiras do Louro e Gándaras de Budiño.
A pesares dos reiterados avisos da AHE (Asociación Herpetolóxica Española, encargada da protección de anfibios, réptiles e do seu contorno) e doutras organizacións, a administración non detén a destrución deste espazo natural protexido.
Nos últimos días foi desecada a barreira do Cerquido no espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro (Porriño). A pesar de estar incluída no Catálogo de Zonas Húmidas da Consellaría do Ambiente e de ser o hábitat do Emys orbicularis -un sapoconcho clasificado en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e de interese comunitario na Directiva Habitats (92/43/CEE)- unha draga succionou toda a vida alí presente. Tamén desapareceu outra especie incluída na mesma categoría de ameaza, o charneco (Anas crecca), con presenza ocasional na lagoa. Durante este inverno destruíuse unha pequena colonia de plantas carnívoras (Drosera sp.) que se conservaba nunha beira da lagoa. No verán de 2007, Verdegaia xa alertaba da destrución da colonia de andoriñas.
O humedal fora incluído na proposta galega para formar parte da Rede Natura europea
Para protexer os hábitats prioritarios das especies en perigo de extinción, a lagoa fora proposta como zona de ampliación do espazo natural incluído na Rede Natura. No Plano de Recuperación do sapoconcho europeo, actualmente en redacción, se fai fincapé na necesidade de recuperar e protexer estas zonas, para ampliar o escaso hábitat que hai dispoñible para esta especie ameazada.
Segundo o comunicado de Verdegaia, a barreira do Cerquido (barreira: lagoa de orixe artificial formada tralo abandono das explotacións de áridos) é un espazo natural de alto valor ecolóxico que formou parte da Rede Natura até o ano 2004, cando a Consellaría e o Ministerio do Ambiente cederon aos intereses especulativos de varios particulares da zona.
Na opinión dos ecoloxistas "desgraciadamente parece claro que non existe unha vontade de protexer o medio natural galego por parte da administración". Tendo en conta que esta especie esta recollida no CGEA na mais alta categoría de ameaza, o que implica a protección dos seus exemplares e do hábitat que ocupan, e que a Lei Galega de Conservación da Natureza considera esta destrución como unha infracción moi grave, con sancións entre 60.000 y 300.000 euros, sería de esperar que a propia Consellaría de Medio Ambiente tomase cartas no asunto parando a obra e sancionando ao infractor.
A barreira foi baleirada por completo e estase comezando a extraer material con maquinaria pesada
Dende Verdegaia dubidan da legalidade da explotación de arxila, pero aseguran que hai anos foi sancionada por botar residuos alleos á explotación sobre barreiras nas que moraban sapoconchos (a maioría non puideron ser salvados a tempo); que estivo durante moitos anos parada, sen que Xestión Mineira ditara a súa caducidade, e que ao finalizar a explotación o propietario pretende achairar a superficie e conseguir a reclasificación do chan (actualmente Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais) como terreo industrial.
Tamén denuncian que esta e outras desfeitas impunes executadas nos últimos anos supoñen a progresiva desaparición da flora, fauna e hábitats deste espazo que só se protexe sobre o papel e fan responsábeis da situación actual "pola súa pasividade e incompetencia" a Rogelio Fernández, Xosé Benito Reza e Pachi Vázquez (Subdirector e Director Xeral de Conservación da Natureza e Conselleiro do Ambiente, respectivamente).
Porén, o colectivo asegura que a barreira do Cerquido e a súa contorna aínda son recuperábeis. É preciso que a Consellaría do Ambiente reincorpore eses terreos á Rede Natura e que a Consellaría de Innovación e Industria paralice a explotación en vista das numerosas irregularidades e dos danos que está a ocasionar.