Quintana acusa a ministra de Administración Públicas de “faltarlle ao respecto ao país”.
A subcomisión para o seguimento das obras do Tren de Alta Velocidade (TAV) está a ser un auténtico crebacabezas para as relacións entre socialistas e nacionalistas. Logo de que o Parlamento de Galiza aprobase por unanimidade reclamar a subcomisión, a ministra de Administracións Públicas encargouse de mandarlle un “non” por escrito ás tres forzas galegas. A decisión da ministra española fixo saltar as lapras na xa ben enxoita política nacional. O voceiro do BNG, Anxo Quintana, acusoua a Salgado de “faltarlle ao respecto ao país” por desprezar un acordo unánime do Parlamento.
Pouco despois, o número un do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, sumábase ás críticas de Quintana e pediulle publicamente ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que erguese a cabeza fronte ás decisións do goberno español.
Dende o PSdeG a reacción foi a dúas bandas. Mentres Touriño se mostrou confiado en que a ministra vai reconsiderar a súa postura, o número dous dos socialistas galegos, Ricardo Varela, acusou a Quintana de intentar facer “caixa electoral” coas críticas á ministra. Para Varela, os compromisos do executivo español con Galiza son firmes e demóstranse nos orzamentos.