A unión a última hora das candidaturas de Carlos Pillado e Pedro Mouriño non foi abondo para derrotar a Xerardo Conde Roa.
Apenas un par de días antes, acusaban a Conde Roa de ser o candidato do "egoísmo e a desavinza". De momento, asinan tregua e póñense ao servizo do novo liderado do PP compostelán. Carlos Pillado e Pedro Mouriño, non conseguiron así virar o temón do PP compostelán, malia que conseguiron o 43,7% dos votos, un total de 408 apoios, fronte ao 56,3% de Conde Roa, 526 votos. Deste xeito, remata o labor da xestora que presidira o partido nos últimos dous anos.
"Non saímos divididos, saímos máis fortes que nunca", asegurou Conde Roa á saída do congreso local do PP na capital, cita presidida por quen fora candidato en repetidas ocasións, Dositeo Rodríguez. "Empeza un camiño que debemos percorrer todos xuntos", pediu, agregando que por el "non vai quedar" ao tempo que expresaba a súa intención de falar co seu rival neste congreso.
Interviu tamén o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, quen deu por rematado o proceso de "mirarse ao embigo" no que segundo el estivo inmerso o PP en Santiago nos últimos meses e, de cara ao futuro, propuxo a todos os sectores "mirar á cara" dos problemas da xente. "Tras meses falando de nós mesmos, rematou", resolveu Feijoo na clausura do congreso.