Será no Campionato Estatal de 10 mil metros. É a oportunidade de Dacal de conseguir o seu billete; a última dos fondistas.
As pistas de Balaídos serán o escenario, o vindeiro sábado, dunha importante cita no atletismo estatal, o Campionato dos 10 mil metros. Nesta proba hanse repartir, entre os atletas que consigan facer a marca mínima, os últimos billetes que outorga a Federación Española para competir este verán nas Olimpíadas de Beixín.
A oportunidade de Dacal
Gustavo Dacal podería tamén cumprir o seu soño de conseguir o seu pasaporte para Beixín, posto que o mesmo sábado desenvólvese tamén o Gran Premio Cidade de Vigo, onde o atleta pontevedrés podería facer tamén a súa mínima no lanzamento de xavelina.
Outra galego que anda detrás do seu pasaporte é David Gómez, que ha participar na proba viguesa (en 100 m., lonx¡tude e xavelina) coa intención de preparar o Estatal de Tenerife, onde participará á procura da mínima B en decatlón.
Só tres seleccionados entre os e as fondistas
Como hai moi poucas probas desta distancia na tempada, aínda non hai atletas que fixesen a mínima, e o máximo de prazas olímpicas que ten o Estado Español este ano en Beixín son tres. Se ninguén chegase á mínima A, podería participar en Beixín un único atleta que acadase a mínima B.
É a última oportunidade de fondistas como Ayad Lamdassen (campión estatal da distancia en 2007), Carles Castillejo, Juan Carlos de la Ossa (que chega co mellor crono deste ano) ou os galegos Jesús de la Fuente (quinto na listaxe de mellores atletas do Estado) e Lolo Penas, de facer a marca mínima, que para a categoría está nos 27.50:00. Na proba participan 36 atletas (aínda vai haber descartes, porque o ideal é que sexa 30), entre eles os "perigosos" atletas eritreos Ali Abdallah e Samuel Stergay, o francés Driss El Himmer, ol arxentino Miguel Ángel Barzola e os portugueses António Silva e Rui Pedro Silva.
Para as mulleres a marca mínima está nos 31.45:00, e a competición prognosticouse moi disputada. As favoritas son Isabel Checa (que encabeza a listaxe estatal), María Elena Moreno (que chega co mellor rexistro da tempada) e a galega María Jesús Gestido (actual campioa de Galiza na distancia), entre outras. Nas incorporacións estranxeiras destacan as portuguesas Fernanda Ribeiro (que tamén vén pola mínima olímpica) e Dulce Félix, así como a suíza Deborah Büttel.