Nos miolos de Barcelona xermolan as creacións valdeorresas. Que se teñen que dicir os materiais e mais as palabras?
Seguen as colaboracións entre terras galegas e terras catalás. E máis importante aínda, entre artistas das dúas comunidades. Nestas datas o colectivo @Sil, La Xina Art e mais FDG Cultural están a coordinar convivios de artistas de ámbalas dúas comunidades.
Así pódese entender o feito de que, xaora, se poida ver unha exposición en terras galegas, mostra pictórica de compoñentes de La Xina Art (Barcelona). A tal escolma de obras está instalada na Fundación Comarcal Valdeorras (O Barco de Valdeorras), e leva por título Poemoria. O nome responde a un xogo de palabras (sempre a palabra) que funde poesía e mais memoria.
E, nos mesmos días e na sede de La Xina Art, temos a oportunidade de gozar destoutra mostra de esculturas de cinco artistas de Valdeorras: Bebedeira. As pezas que viñeron do val do ouro, están perdidas no Raval de Barcelona? Perdidas como criaturas primixenias? Abofé que non. Do noroeste ao nordeste hai fíos que xonguen. Hai un tren que vai e vén, que carrexa sensibilidades. Hai un diálogo de ida por volta.
Cinco escultores, cinco
Nos locais de La Xina Art expoñen as súas pezas cinco escultores valdeorreses: Barreiro, Conde, Prieto, Rey e Torino, obras con evidentes intencionalidades (artista sempre crea para algo). Nestes casos pode ser para dialogar co medio valdeorrés. Obras de madeira, metal, papel, pedra...
Curiosamente o ferro traballado como xa fixeran González, ou Gargallo confronta ao visitante co tótem rural, a vaca. A vaca mestra de vivencias, a vaca centro económico, a vaca miolo de esencias e pousón acontecer. Vaca, creada por Rey, a partires dos ferros dun dos instrumentos de traballo que máis definía a xornada laboral vacua no rural galego, o arado.
Prezado faise o percorrido que suxiren as pezas. De certo. As creacións alongadas na madeira e no espírito de Conde remiten, xa que logo, ao máis puro estilo románico, tan caro a Galiza e tan caro ao rural -asombra esa mestura de síntese sacra e de simplicidade estética-. No outro extremo están as figuras de Prieto que escoran polos eidos dun Muñoz, preocupado polas definicións da existencia humana.
Poesía de Gurriarán
O nome da mostra está tirado do título dun libro de don Florencio Delgado Gurriarán (Bebedeira, poemario, 1934), o poeta corgomés que tivo que fuxir a México. Que ben casan poesía e escultura. Unha acubilla á outra. De feito, o eixo da exposición é unha homenaxe a Gurriarán. Hai unha peza de Barreiro que mesmo circunda esa idea. A pedra (neste caso o xeso veteado) e o metal sintetizan unha vida: a redondez do orbe polo que tivo que moverse, o libro que se abre (coma os que escribiu en lingua galega, como a vida de loitador) e o barco que transita os vieiros da emigración e mais as crenzas e as conciencias.
E así, como sen buscalo, sen querelo, asistimos a ese diálogo primixenio, telúrico, que é a conversa Materia/palabra. O diálogo frutífero. Man con man. A man que escribe, a que cicela a madeira, domea o ferro. A man de Torino que retoca o cañoto que o regato (escribidor de xeografías e de infancias). A man que resegue o verso, que xa está proxectado e hai que modelar, aquela man que retorce ferros para que a forma chegue á complexa simplicidade da grafía. Palabras en fin. Mans como as de Giacometti que non fixeron outra cousa máis ca repasar e remoer materias para que as inquedantes figuras acaben falando de seu.
Diálogos escultura/escrita. Diálogos en Bebedeira, onde algunhas pezas levan sincerados os versos de don Florencio. Que se busca nestes diálogos? Posiblemente a imposible comprensión e comunicación do mundo de Valdeorras.
Natureza/Sil
Algo ten Valdeorras que incide na creatividade. A por de mentir e trabucarse, un dos eixos que semella percorre as pezas que se poden ver e tocar na Xina Art é Natureza.
Natureza nas revoltas argalladas por Torino cando as madeiras atopadas remexen nos seus miolos (fixen coa miña navalla un aradiño de pau), nas formas de Rey, na conceptualidade de Barreiro, nos materiais de Conde e mais de Prieto. Natureza na poesía de don Florencio Delgado Gurriarán.
Bebedeira é o canto espiritual á fertilidade do val indolentemente visitado polo río que carrexa ouro.
EXPOSICIÓN: Bebedeira.
La Xina A.R.T., Doctor Dou 4, baixos (Barcelona)
Até o 19 de xullo.
Horario:
De martes a venres de 17.30 a 20.30 h.
Sábado de 11 a 14 h. e de 17.30 a 20.30 h.
Entrada de balde.