Nunha fin de semana chea de festivais, de norte a sur, chega tamén a cuarta edición do de Ordes, que conta con Motor Perkins, Skontra, Pito de Pikasso, Tiro na Testa e Dekamal.
A Asociación Xuvenil "A Revoltosa" da parroquia de Santa Cruz de Montaos, no Concello de Ordes, é a que organiza esta cuarta edición do Revoltosa Rock. A idea de crear un festival na parroquia xurdiu deste grupo de rapaces e rapazas que tentaban diversificar e abrir o panorama cultural e de ocio á xente da súa contorna.
O Revoltosa Rock 2008 ten un cartel completiño, que conta cos directos dos Motor Perkins e Tiro na Testa (ámbolos dous da frutífera parroquia, musicalmente falando, de Donramiro, en Lalín); os asturianos Skontra; os composteláns Pito de Pikasso, finalistas do concurso Nsaio no Camiño; e Dekamal, de Sarria. A última hora caeron Os Sosios e Matxetazo na Parrotxa, por causa das baixas sufridas polas formacións.
O festival, que comeza á noitiña, con entrada de balde, desenvolverase na explanada do Campo Novo de fútbol de Santa Cruz de Montaos. Por se chove (case seguro) vai haber unha carpa. Tamén hai unha extensa zona de acampada, situada nunha vella carballeira, e a organización xa anunciou que vai convidar aos asistentes a callos.
Olla aquí como chegar.