O ex deportivista decidiuse pola "clara aposta pola canteira" que fai o clube. O seu obxectivo para a vindeira tempada: chegar a Segunda B.
José Ramón erguendo a copa de campións de Liga cos veteranos do Dépor
José Ramón González Pérez, o capitán daquel Superdépor, vai ser o novo adestrador do Montañeros. Esta quinta feira o presidente do clube, Fausto Vázquez, presentábao en conferencia de prensa, e alí o ex deportivista revelou que se decidiu a dirixir o equipo pola "clara aposta pola canteira que realiza o clube".
O novo adestrador do Montañeros levaba sen dirixir un equipo dende a tempada 2003-2004, na que estivo á fronte do Atlético Arteixo, ano no que o clube conseguiu ascender a Segunda B. Despois volveron descender, debido aos problemas económicos.
O obxectivo do Montañeros: a Segunda B
O Montañeros viu como se esvsbaecían as súas arelas de ascenso a pasada tempada, ao non poder chegar aos postos de promoción, mais este novo curso, baixo a dirección do ex deportivista, o obxectivo é chegar ao máis alto da táboa, para poder xogar en Segunda B na tempada 2009-2010.