Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
OPINIÓN

A literatura galega vinculada a Barcelona

Sábese que unha cultura está viva porque se renova, evoluciona e se adapta a novas formas de expresión. A boa saúde da literatura galega en territorio catalán é un síntoma de vitalidade cultural. A seguir, unha ollada ás novas letras galegas que teñen ou tiveron relación con Barcelona.

Marga Fernández - 22:00 03/07/2008

De falarmos da renovación literaria galega dos últimos anos sen dúbida nomeariamos, entre outros autores novos, en narrativa a Diego Ameixeiras, Mario Regueira e María Reimóndez (estes dous últimos tamén poetas); en teatro salientariamos a Rubén Ruibal e a Alfonso Becerra, e viríannos á mente nomes de poetas como Daniel Salgado G., Oriana Méndez e Xiana Arias.

Mais para os galegos que vivimos en Cataluña, é inevitable sentir un interese especial por aquelas letras galegas que gardan algunha relación co espazo no que nos atopamos. E afortunadamente non son poucas as manifestacións que desde hai uns anos están a ter lugar por esta parte. Velaquí un repaso de obras e autores novos galegos que, mergullados na aventura catalá, nos van deixando testemuños do seu labor creativo.

Para comezar, Lito Caramés, Silverio Cerradelo e Pura Salceda son os nomes dos autores menos novos, que non vellos, deste reconto. Lito Caramés, profesor de galego do ensino secundario catalán, participante no proxecto Galauda e actor do grupo teatral Furafollas, publicou no 2005 o libro de relatos E agora pasa un tren (Biblos), con ilustracións de Anxo Baranga. Un ano despois, Silverio Cerradelo recibía o premio de narrativa Terra Melide 2006 por Os paxaros tamén migran ao sur (Xerais), novela ambientada en Barcelona, onde o escritor e veterinario residiu. Pura Salceda, tradutora e colaboradora en revistas e actividades culturais galegas de Cataluña, presentounos o ano pasado o seu segundo libro de poesía, o primeiro en galego, A ollada de Astarté (Espiral Maior), de temática amorosa e erótica.

Barcelona é unha cidade que deixa pegada, e diso dá fe a poeta María do Cebreiro, quen, logo da súa estadía como bolseira no Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona, lle dedicaría un mangado de poemas ó Raval en O barrio das chinesas (El Correo Gallego-Concello de Santiago, 2005). No caso de Daniel G. Salgado, é el quen deixa pegada na cidade, pois o autor e director teatral que fora estudante do Institut del Teatre, estreou no 2004 Porno, provocadora obra que lle valeu moi boas críticas.

Vinculados residencialmente á Cidade Condal temos a Samuel Solleiro e a Ania González. El, amais de músico, é un prometedor escritor e crítico literario, autor, entre outras obras, de dz ou o libro do esperma (Xerais, 2006), libro de narracións no que trata o tema da masculinidade. Ela, artista e poeta viguesa que cofundara en Santiago de Compostela o colectivo de novos artistas “Iniciativa nova” e que agora forma parte do Programa de Estudos Independentes do MACBA, participou en diferentes festivais de poesía da cidade e colaborou coas revistas "Microfisuras. Cadernos de pensamento e creación" e a poética en rede "andar 21".

E, como non podía ser doutro xeito, tamén por aquí temos galegos entregados á creación no fenómeno dos blogs literarios. A bitácora tórnase unha excelente ferramenta de expresión nas mans de mentes talentosas para estes mesteres. Así, en "do Roxo" Eva Méndez, que publicou o seu primeiro libro de poemas As sete idades (Incomunidade), abre o noso apetito con poemas disfrazados de especialidade culinaria. Outra poeta, a gañadora do XIX Certame literario Rosalía de Castro de Cornellà (2005), Raida Rodríguez, revela a súa forza poética en "Punto de fuga". Desde Xirona, "Palabras de Amauta" recolle as reflexións e mais os versos de Amauta Castro, pseudónimo de Rafael Xoán Muñoz Castro, quen fora merecedor do IX Certame San Xurxo na modalidade de poesía (2006) do Centro Galego de Barcelona. E tamén a anteriormente nomeada poeta Pura Salceda verte os seus versos nun blog chamado "Sintagma in blue".

Esta é polo de agora a miña colleita, produto dunha simple ollada. Convidados quedan a pescudar nestes novos valores coa complicidade de saber que comparten coma nós a experiencia de vivir co corazón dividido entre dous mundos: o galego e o catalán.


4,89/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: