"Galiza, Cataluña e Euskadi non foron nunca estados independentes e por iso non poden reclamar o mesmo tipo de lexitimidade que Escocia ou Baviera", expón De la Serna.
Seica hai un vencello entre as reviravoltas da política e os balóns de fútbol que protagonizaron a actualidade nas últimas semanas. Sobre o presunto fío miúdo entre o que en Viena pasou o domingo e o Galeuscat reflexiona este martes en The Guardian o adxunto de relacións internacionais do equipo de dirección do diario El Mundo, Víctor de la Serna, no artigo titulado Political Fútbol.
"Galiza, Cataluña e Euskadi non foron nunca estados independentes e por iso non poden reclamar o mesmo tipo de lexitimidade histórica que si poden esgrimir, por exemplo, Escocia ou Baviera", expón De la Serna no diario británico, argumentando que a Constitución de 1978 "re-estabeleceu as institucións recionais históricas e os dereitos e consagrou o bilingüismo legal, reflictindo a realidade social".
"Había algo máis ca orgullo deportivo nas multitudes que saíron ás rúas e prazas de España o domingo pola noite", escribe De la Serna para The Guardian, matizando que con todo, na súa opinión serían erradas algunhas "optimista interpretacións" que segundo el supón que iso signifique "un xiro" no que cualifica de "espiral nunha ruptura da nación estilo-Balcáns". "Había unha necesidade de deixar de lado a angustia e preocupación sobre recentes sucesos no campo político, desfogarse e amosar que a maioría de españois están aínda a prol do equipo", comenta, "nese sentido, as manifestacións públicas teñen valor sociolóxico".
A interpretación vai na liña do propio editorial que o xornal español publicou este luns 30 de xuño, co título "La selección, orgullo de la nación española", onde falaban do afloramento do que definían como "patriotismo democrático" e salientaban a "gran catarse que viviu toda a nación" e "o sentimento de cohesión que se xerou".