A inscrición presencial ou postal queda limitada, residualmente, ao estudantado de primeiro ano.
Por primeira vez, dende este ano a matrícula na Universidade de Santiago só se poderá facer a través da rede. O proceso de matriculación arranca o 7 de xullo e remata o 17 de outubro, nas súas diferentes modalidades. O único sector do alumnado que poderá aínda efectuar a matrícula en persoa ou por correo certificado será o de primeiro ano. Tamén poderán optar, evidentemente, á inscrición na web da matrícula.
No curso que remata, o número de matriculados volveu medrar por primeira vez en varios anos con respecto ao anterior período docente: mentres que en 2006-2007 os matriculados por primeira vez ascendía a 5.526, un ano despois esta cifra aumentou até os 6.652.
Durante os dous últimos cursos promocionouse a utilización das TICs para a formalización da matrícula, mediante o sorteo de agasallos. Dese xeito chegouse, no curso que agora remata, a que preto do 60% do estudantado se matriculase por internet.