Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate parlamentario este martes

Consenso de BNG e PP para meterlle présa ao goberno español coas infraestruturas

O Bloque propón unha subcomisión no seo da comisión Xunta-Estado, mentres que o PSdeG quere un grupo de seguimento liderado pola conselleira de Política Territorial.

Redacción - 09:00 01/07/2008

Á porta das negociacións que deberán producirse este mesmo martes, as posicións de BNG e PPdeG semellan as máis próximas respecto do mecanismo máis oportuno á hora de fiscalizar os compromisos do goberno español con Galiza. Nacionalistas e populares estarían así dispostos a que sexa un organismo incluído dentro da propia comisión bilateral Goberno-Estado a que protagonice ese proceso. A vixilancia quedaría deste xeito baixo a responsabilidade da secretaría xeral de Relacións Institucionais e liderada estreitamente polo propio vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.

Fronte a ese modelo, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, propuxo xa un sistema diferente. A iniciativa rexistrada no Parlamento polos socialistas fala dun grupo estábel de "seguimento e impulso" das obras da alta velocidade ferroviaria onde estarían representados directamente os responsábeis de infraestruturas, de xeito que no caso galego quedaría liderado pola conselleira de Política Territorial, a socialista María Xosé Caride. O acercamento entre BNG e PPdeG chega despois da carta remitida polo líder dos populares, Alberto Núñez Feijoo, ao vicepresidente, solicitándolle a presenza estábel dun deputado do PP no órgano fiscalizador. En resposta, Quintana prometeu "contar con todas as forzas políticas" para definir a posición que Galiza manterá diante de Madrid.

A lea chega ademais despois de que o presidente da Xunta, recoñecese que a "falla de cintura" impedira hai poucos días que se chegase a un acordo unánime no Congreso para solicitarlle ao goberno español a creación dunha comisión que vixíase o cumprimento deses prazos. A proposta argumentada daquela polo BNG xa expoñía a necesidade dunha subcomisión dentro da bilateral Estado-Xunta, similar a que está estabelecida, por exemplo, entre o Estado e a Generalitat de Cataluña. Nese momento, o proxecto recibira os votos en contra dos deputados do PSOE, malia que a moción presentada polo BNG saíra adiante cos votos favorábeis do resto de grupos parlamentarios.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: