Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara a un "lobby galego" na UE

Despois de Bos Aires e Montevideo a Xunta deseña a embaixada en Bruxelas

Unha institución que complementaría a actual actividade da Fundación Galicia-Europa, segundo explica o secretario xeral de Relacións Exteriores.

Redacción - 09:00 01/07/2008

A voz galega na Unión Europea contaría en 2009 cun empurrón engadido en forma de delegación da Xunta en Bruxelas. A iniciativa está na axenda do Goberno, segundo recoñeceu este luns o secretario xeral de Relacións Exteriores, Xulio Fernández Mato, durante a súa comparecencia na comisión parlamentaria de Asuntos Europeos. Na actualidade, a Xunta xa abriu delegación en Arxentina, en Bos Aires, ao tempo que desde o executivo subliñan que seguirán avanzando "no estabelecemento de delegacións noutros países nos que existen colectividades importantes de galegos". A seguinte delegación en abrir será antes de que remate este 2008 en Montevideo.

No caso da delegación en Bruxelas, trataríase dun organismo deseñado co obxectivo de complementar a actividade que xa realiza a Fundación Galicia-Europa, institución vinculada ademais de ao propio Goberno ás catro deputacións (a de Lugo incorporouse hai poucos días), as caixas, Banco Pastor e Zona Franca. Nese escenario, a nova "embaixada" asumiría todo tipo de cometidos "administrativos e políticos" de carácter oficial relacionados coas institucións europeas, mentres que a Fundación mantería a súa actividade nunha dobre dimensión de apoio a intereses empresariais e divulgación cultural. Con todo, Fernández Mato recoñeceu a necesidade de coordinar o funcionamento das dúas institucións de xeito que non dupliquen funcións e poidan convivir.

Panca europea "prioritaria"
Na súa intervención na mesma comisión, o representante do BNG, Pablo González Mariñas, recomendou priorizar a creación desta delegación en Bruxelas sobre os proxectos previstos para América Latina. Pola súa banda, o socialista Xaquín Fernández Leiceaga dixo estar a prol de que a Fundación manteña a súa actividade malia a creación da delegación.

Fronte a iso, o voceiro do PP, Enrique López Veiga, opinou que o sistema de delegacións "se cadra non é o mellor método, nin o máis barato nin o máis eficaz" para a presenza de Galiza no exterior. López Veiga criticou que a Fundación Galicia-Europa nunca tivo "gran actividade". Por outra parte, o deptuado do PP tamén se queixou da "mestura e confusión" nas actividades da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e a de Emigración, dependentes as dúas da Presidencia da Xunta.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: