Este mes que entra os dous atletas han procurar o pasaporte para Beixín 2008. O vindeiro 29 de xullo a Federación Española dará a coñecer os nomes dos escollidos.
David Gómez na Copa de Europa de Probas Combinadas, en Polonia
O atleta do Rosal, David Gómez, tentou esta fin de semana conseguir a mínima olímpica para ir a Beixín 2008, competindo na Copa de Europa de Probas Combinadas, mais, a pesar de ser a súa a mellor actuación do combinado estatal, os seus 7.578 puntos deixárono ás portas da marca que procuraba. A súa tamén foi a mellor marca estatal do ano, mais de nada valeu no momento de xuntar puntos, posto que a irregular actuación do combinado estatal fixo que ficasen sétimos e descendesen de categoría.
Mais Gómez aínda ten unha oportunidade para conseguir os 7.700 puntos que lle outorgaría o pasaporte olímpico: será os días 26 e 27 de xullo, no Campionato Estatal.
Lolo Penas, a polo Soño Olímpico
Tamén hai outro atleta galego procurando a súa marca olímpica, o coruñés Lolo Penas. Para conseguila o seu concello tenlle preparado O Soño Olímpico, unha xornada competitiva que se ha desenvolver esta cuarta feira no Estado de Elviña.
O que ten que facer Penas é correr os 5.000 metros en 13 minutos, 21 segundos e 50 centésimas.
Ámbolos dous atletas terán que agardar até o vindeiro 29 de xullo para saber se finalmente van seleccionados pola Federación Española de Atletismo para participar nestas olimpíadas.