Das sete mil camas que funcionan durante todo o ano, o Sergas pechará 520 en xullo, agosto e setembro.
O Servizo Galego de Saúde decidiu un ano máis reducir o número de camas dispoñíbeis nos 14 hospitais galegos durante o verán. O obxectivo é, segundo a Consellaría de Sanidade, equilibrar o descenso de actividade programada, así como facilitar a planificación de obras. Esta é xa unha práctica habitual coa chegada do verán, un período no que, segundo a Xunta, o índice de ocupación hospitalaria é menor, por mor dunha redución estacional de patoloxías. Porén, este ano o peche de camas é superior ao do ano pasado, cando se clausuraron 430, é dicir, 90 menos que neste verán. Ao tempo, haberá maior dispoñibilidade de camas que en 2005 e 2006.
Esta medida pretende ademais enmarcarse nunha política de eficiencia e racionalización de recursos e gastos públicos. Sanidade tamén adiantou que a previsión é a de racionalizar as actividades valorando os recursos humanos dos que dispón o Servizo Galego de Saúde, xa que o verán é o período máis demandado para as vacacións do persoal. A necesidade de substituír a este persoal é outro dos condicionantes da planificación da consellaría, que recoñece que non é posíbel en determinadas especialidades garantir a presenza de persoal facultativo, por mor da escaseza dalgúns profesionais no mercado laboral.
Os máis afectados
O Complexo Hospitalario de Ourense será o que rexistre unha media maior de peche de camas nos meses de verán, con 96 camas, o que suporá o 11,62% do total. Séguelle o de Vigo, con 95, o 7,67% do total. O Complexo Hospitalario de Santiago pechará unha media de 79 camas, o Canalejo prescindirá de 69 e o Xeral Calde de Lugo pechará outras 46. Xa no Hospital do Salnés pecharán o 48,27 das súas camas, neste caso tamén polo inicio das obras de ampliación, e no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol prescindirán o 6,63% das súas camas.