O BNG di que non se pode comparar o caso de Tareixa Paz, que lle chamou "cabrón" ao mandatario de Barbadás, cos casos de "prevaricación" dos populares.
Tareixa Paz
O portavoz do PPdeG no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas, pediu esta quinta feira a dimisión da vicepresidenta primeira da Cámara, a nacionalista Tareixa Paz, condenada por dúas faltas de "coacción" e "inxurias" contra o alcalde de Barbadás, Xosé Manuel Freire Couto.
"Este cargo institucional non pode ser ocupado, nun parlamento democrático, por unha persoa que foi condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia", afirmou Ruíz Rivas, que cualificou a conduta de Paz de "matonismo político". O PPdeG, que considera o suceso de "especial gravidade" dado que a nacionalista xa formaba parte da mesa do Parlamento cando ocorreu, advertiulle ao BNG que as súas siglas "quedarán tinguidas de negro polo uso da violencia" se non lle piden que abandone.
A sentenza relata que o 15 de setembro de 2005 "produciuse unha discusión" e que nun momento dado Paz "agarrou da solapa" ao alcalde "dicíndolle fillo de puta e non volvas mencionar aos meus pais, ao tempo que basculou a muleta, que levaba a consecuencia dunha escordadura de nocello". A segunda das faltas fai referencia a unha manifestación en que se berrou "Freire cabrón, queremos dimisión".
O BNG fala de "cinismo político" do PPdeG
O BNG, pola súa banda, manifestou o seu "desacordo" coa sentenza, que non é firme. O seu voceiro parlamentario, Carlos Aymerich, apuntou ademais que a condena é "por feitos que non cometeu e que, por outra parte, non teñen nada a ver coas súas funcións como vicepresidenta da Cámara".
Aymerich cualificou a actitude do PPdeG de "cinismo político", e amosou a súa sorpresa polas peticións de dimisión ou destitución de Paz neste caso, cando houbo "militantes do PP condenados por violaren os dereitos fundamentais dos deputados como o señor García Leira e Vitorino Núñez e non instaron á dimisión destas persoas".
"Están a pedir que fagamos algo que eles non aplicaron en casos moi graves", continuou o deputado do BNG, e lembrou o caso do alcalde de Tui, do PPdeG, Fernández Rocha, condenado a sete anos de inhabilitación e unha multa de seis mil euros por un delito de prevaricación urbanística "e iso si foi no exercicio das súas funcións como alcalde".