O goberno búlgaro solicitou que se recoñeza o uso do seu alfabeto nos nomes das webs.
As comunidades que empregan o alfabeto cirílico para a escrita aspiran a poder empregalo nos dominios de internet. Bulgaria presentou este luns unha solicitude para rexistrar o un nome de dominio en cirílico como unha iniciativa para mellorar o orgullo nacional e combater a crecente influencia do inglés.
O estado balcánico xa conseguiu o ano pasado que se recoñecese a escrita "EBPO" para a moeda común europea, despois de moitos intentos. Coa chegada de Bulgaria á Unión Europea, o alfabeto cirílico converteuse no terceiro oficial, despois do latino e do grego.
A mesma idea de defender o alfabeto cirílico tamén a tivo o presidente ruso, Dmitri Medvédev, que solicitou un dominio de internet no alfabeto propio, preocupado polo retroceso do ruso fronte ás linguas locais. Pero a primeira petición oficial partiu da Axencia Estatal de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións búlgara.
O goberno de Bulgaria quere que o seu dominio de primeiro nivel sexa .бг. Polo momento, as webs búlgaras usan nomes de dominio no alfabeto latino, como a meirande parte da internet. A axencia estatal convidará todos os países que usan o alfabeto cirílico a unha conferencia que se desenvolverá este outono en Sofia para tratar o asunto dos nomes de dominio: Bielorrusia, Casaquistán, Quirguicistán, Macedonia, Mongolia, Rusia, Serbia, Taxiquistán, Uzbequistán e Ucraína.