Nunha xuntanza esta segunda feira en Compostela, os clubes do país decidiron xogar nun grupo de vinte, cos canarios, os madrileños e os asturianos.
Esta é a proposta que van levar á Comisión Estatal da Segunda B os clubes galegos de fútbol na categoría (Deportivo B, Celta B, Pontevedra CF, CD Lugo, Cidade de Santiago e Racing de Ferrol), que, a pesar de que sempre xogaron nun grupo con Madrid e Canarias, queren evitar perder cartos e encontros (cousa, esta última, que acontecería de xogar no norte, contra algún dos equipos máis fortes e competitivos).
Os galegos queren competir cos canarios, os madrileños e os asturianos
Nunha xuntanza, desenvolvida a segunda feira en Compostela, os clubes galegos na Segunda B consensuaron competir no mesmo grupo que os canarios (Universidade das Palmas, Las Palmas B, Vecindario, Santa Brígida, Fuerteventura, Pájara Playas de Jandía e Lanzarote); os madrileños (Real Madrid Castilla, Atlético de Madrid B, Leganés, Alcorcón e Navalcarnero) e os asturianos (Marino de Luanco e Sporting de Gijón B). Daquela, quedaría un grupo de 20 equipos.
A pregunta que xorde neste momento é, por que queren meter, outra tempada máis, a Canarias no seu grupo? A resposta é simple: polas subvencións. Un grupo así, cos canarios polo medio, sería interesante dende o punto de vista económico, porque as viaxes ás illas están subvencionadas, co que se aforra moito cos desprazamentos.
Por outro lado, tamén está a proposta de facer un grupo exclusivamente do norte (ademais dos cinco galegos, cun equipo cántabro, dous asturianos, cinco de Castela e León e seis vascos), cousa que non lles interesa nada aos clubes do país, porque nesta zona están algúns dos onces (a Ponferradina, Zamora, Leonesa, Baracaldo, Real Unión...) que, xeralmente, pelexan con forza por meterse nas fases de ascenso, e non lles conveñen de rivais directos.
A decisión final tómase esta cuarta feira en Madrid, onde se han xuntar os 80 clubes de Segunda B do Estado. O representante galego na Comisión ha ser do Lugo, a proposta do Pontevedra, que foi secundada polos demais clubes, ante a dimisión do presidente do CD Ourense, Juan Pérez, que, na mesma xunta tivo que deixar o seu cargo debido ao descenso do seu equipo a Terceira.