Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RAZA AUTÓCTONA

A galiña de Mos en perigo

Malia aumentar o seu censo dun cento de exemplares ata os 5.300 a extinción é unha seria ameaza.

Redacción - 15:00 29/06/2008

Houbo un tempo en que as pitas de Mos eran recoñecidas pola súa capacidade poñedora e pola súa saborosa carne, baixa en graxa. Esta galiña, hoxe en perigo de extinción, foi unha escolla feita polo veterinario Rof Codina, quen na busca dunha raza autóctona se dirixiu á parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei (Lugo), onde achou os primeiros exemplares denominados raza Mos e iniciou a selección polo fenotipo e pola posta. Unha historia que se remonta ata 1942, e que hoxe retoman algúns criadores.

E semella, que cada vez son máis os que se suman á iniciativa da recuperación desta pita autóctona. Logo de anos de abandonarse á avicultura industrializada, son hoxe 362 os criadores censados que se adican á cría da pita de Mos. O dato non é menor, se temos en conta que hai sete anos, o número de avicultores adicados a esta raza non superaba os 11. Así, o número de pitas censadas tamén aumentou, pasou de 100 ata 5.300. Estas son as cifras que manexa o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galiza, un organismo dependente da Consellería de Medio Rural, que comezara a recuperación desta especie no ano 2001. Malia todo, e a pesar da importante recuperación da raza, a pita de Mos segue a estar en serio perigo de extinción.

Particularidades da pita de Mos
A galiña de Mos precisa de 60 días de cría para converterse nunha peza de quilo e medio. Distínguese pola calidade das súas carnes e tamén por ter un tamaño máis grande do común. Contan cunha plumaxe brillante, abundante e compacta. Caracterízase ademais por ter unha crista en chícharo, de cor vermella, barbelas vermellas pequenas, orellas pequenas, ben pegadas á cara, e pico forte e ben curvado.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: