Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMICIOS PREVISTOS PARA O 27 DE XUÑO

O líder da oposición en Cimbabue retírase das eleccións

Morgan Tsvangirai, do Movemento para o Cambio Democrático, denuncia unha campaña de intimidación a cargo de Mugabe.

Redacción - 19:10 22/06/2008

O partido da oposición, o Movemento para o Cambio Democrático (MDC), acusa ao Executivo de Robert Mugabe dos violentos ataques que se intensificaron nos últimos meses e de manipular os resultados da primeira volta. Tsvangirai sinalou que "o MDC gañou as eleccións do 29 de marzo a pesar da ausencia de liberdade e xustiza". "A mensaxe do noso partido de cambio e da construción dun novo Cimbabue contan co apoio dunha ampla maioría de cimbabuenses", engadiu.

Tsvangirai citou unha longa lista de condicións que "fan que sexa imposible que se celebren unhas eleccións libres e xustas". "Cremos que unhas eleccións cribles, que reflictan a vontade do pobo, son imposibles", dixo na rolda de prensa de hoxe. "A milicia, os veteranos da guerra da independencia e o propio Mugabe deixaron claro en varias ocasións que calquera que me vote na segunda volta das eleccións enfróntase a unha posibilidade moi real de ser asasinado", sentenciou Tsvangirai.

Mugabe prohibiu que observadores internacionais procedentes da Unión Europea (UE) e Estados Unidos estean presentes en Cimbabue durante o desenvolvemento das eleccións, xa que lles acusa de intentar desbancar ao seu goberno.

Nunha primeira volta dos comicios que se celebraron o 29 de marzo, o MDC fíxose co poder no Parlamento. Con todo, ningún dos candidatos conseguiu obter a maioría absoluta necesaria en Cimbabue para facerse coa Presidencia. Tsvangirai obtivo o 47,9 por cento dos votos e Mugabe un 43,2 por cento, aínda que o MDC nunca aceptou os resultados que, segundo eles, estaban amañados para favorecer ao actual presidente. A oposición insistía en que o seu candidato gañou a primeira volta cun 50,3 por cento dos votos e afirmaba que a verificación do escrutinio non foi feita correctamente.

A decisión de retirarse das eleccións podería estar causando divisións internas no partido, posto que onte o tesoureiro do MDC, Roy Bennett, fixo público nun comunicado que Tsvangirai se presentaría ás eleccións do 27 de xuño.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: