Actualmente fan parte da Executiva Federal socialista dous galegos: Xosé Blanco e Carme Gallego.
Militantes socialistas reclamaron a través de emendas que no 37 Congreso Federal do PSOE, que se celebra en Madrid na primeira fin de semana de xullo, se modifiquen os estatutos da formación para que entre na Executiva como membro nato o portavoz do Grupo Socialista no Senado, un cargo que actualmente ocupa a galega Carmela Silva. As emendas propoñen modificar o artigo 40 dos estatutos federais do PSOE, nos que se recolle que o portavoz do Grupo Parlamentario participa nas reunións da Comisión Executiva Federal, de tal forma que a partir de agora figure que no órgano tamén participe a portavoz socialista no Senado.
Fontes socialistas explicaron que a petición de que a portavoz no Senado entre na Executiva é ben vista pola dirección federal do partido e foi presentada, mediante emendas, por varias das federacións autonómicas do PSOE. Actualmente, forman parte da Executiva dous galegos: o secretario de organización, Xosé Blanco, que previsiblemente repetirá no seu cargo, e a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, cuxa continuidade é máis dubidosa. Polo momento, o líder do PSOE, José Luís Rodríguez Zapatero, aínda non avanzou quen comporán a Executiva tras o Congreso, que se celebrará o 4,5 e 6 de xullo.