O autor presentará o libro o luns 23 na libraría 'Ler' de Santa Comba, nun acto presentado por Xosé Manuel Pereiro, Decano do CPXG.
Coincidindo coa feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Alameda viguesa do 27 de xuño ao 6 de xullo, aparecerá nas librarías Os Grouchos, o novo libro de xornalismo de Manuel Rivas.
Os Grouchos son unha denuncia "contra os vellos e novos muros de silencio", mais tamén unha viaxe á procura das "faíscas da esperanza" das que falou Walter Benjamín. Manuel O´Rivas reivindica, na modernidade, a ollada do "home rebelde" de Camus, e na tradición lendaria, o espírito dos trasnos "meniñeiros", os seres invisíbeis que transmiten a herdanza do saber rir. O resultado é un libro que morde contra a estupidez, como pedía Kafka, e que abre os cadeados coa chave do humor.
O libro convoca "a unha odisea librepensadora, a unha ecoloxía da liberdade", di Xerais, que ten como porto de partida a Galicia de hoxe, entendida como un local universal, o país portátil, unha identidade sen paredes. Os Grouchos son un urdido de literatura e heterodoxia. E Manuel Rivas reta ao lector que lle pregunte se debe ler Os Grouchos. En resposta o autor cita un proverbio popular: "Quen lle teña medo ao mar que non embarque!".
A presentación terá lugar a partir das seis da tarde na Libraría Ler (rúa Rosalía de Castro, 32 de Santa Comba) e nela participará Xosé Manuel Pereiro (Xornalista e Decano do Colexio de Xornalistas de Galicia) e haberá unha lectura de textos a cargo do autor.