Ademais, pasarán polo escenario do Campus Sur de Compostela Nao, Lamatumbá, Victor Aneiros, Quempallou e Berrogüetto.
Os cabezas do cartaz da edición 2008 do Festigal non podían ser máis opostos no seu estilo. O rock garaxeiro e punk dos suecos The International Noise Conspirancy contrasta coa guitarra espida de Pablo Milanés; comparten, iso si, o compromiso político e a militancia esquerdista, demostrada nas súas letras e no apoio a distintas causas sociais. O Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, abrirá as súas portas o día 24 ao mediodía.
A banda sueca será o prato forte da noite do 24. TINC defínense como un cruce entre Elvis Presley e o Che Guevara e teñen cinco discos editados: The First Conspiracy (1999), Survival Sickness (2000), A New Morning, Changing Weather (2001) e Armed Love (2004). Despois do verán presentarán o seu novo traballo, The Cross Of My Calling, do que tocarán algúns dos seus temas en Compostela. Os suecos estarán precedidos por Nao, Lamatumbá e os franceses Caravan Palace.
O día 25 a estrela vén de Cuba, coa actuación de Pablo Milanés. Na noite do Día da Patria, o cantautor estará acompañado por tres formacións galegas: a Víctor Aneiros Band, Quempallou, Berrogüetto, que pechará os concertos.
Por suposto, non só haberá música. Entre as actividades que encherán o Campus Sur de Compostela, destaca a a proxección da curta 1977, da ferrolá Peque Varela, premiada no festival de Cans e exhibida no festival de Sundance. Así mesmo, terá lugar a presentación da tradución galega de "O segundo sexo", de Simone de Beauvoir, editada por Xerais.