Desde Dublín, María Golpe analiza o por que do pau que os irlandeses lle adicaron esta semana nas urnas ao Tratado de Lisboa.
Xoves 12 de xuño. Ás dúas da tarde, Margaret Kearney, do condado de Carlow, estaba aínda por decidir que votaría no referendo. Margaret non entende que é o que gaña o país con aprobar o Tratado de Lisboa (raramente chamado ‘euroconstitución’ nos medios irlandeses), pero o que si que sabe é que Irlanda (coma outros países pequenos da Unión Europea dos 27) perderá o seu comisario en Europa 5 anos de cada 15.
"Somos un país tan pequeno, que a ninguén en Europa lle vai interesar o que teñamos que dicir", di Margaret, tentando decidir o seu voto lendo un artigo no Irish Independent. Pero o voto de Margaret está ben decidido xa antes de rematar de ler o xornal: coma outros milleiros de irlandeses, Margaret non ten nin unha idea aproximada de que vai o tratado (ninguén se preocupou en explicarllo á poboación – sería por algo), nin o que significa para o país nin as consecuencias que terá nas vidas diarias dos cidadáns.
E mentres que a campaña do NON se molestou en mandar unha mensaxe sinxela ao electorado: ‘se non sabes, vota non’; a campaña do SI (con todos os partidos políticos detrás, menos o Sinn Fein) perdeuse nunha batalla sen argumento conciso, tentando pórlle etiquetas aos cidadáns: os Pro-Europeos contra os Anti-Europeos – nun exercicio obsceno de maniqueísmo político sen substancia algunha.
Mira que ben nos ten ido en Europa, Europa agora conta con nós, vota SI (veña oh!) – foi a mensaxe do status quo, confiado na vitoria. Pero os irlandeses non o tiñan nada claro e a ninguén lle gusta que lle manden o que un ten que facer – sen dar un motivo convincente. Así o demostraron o 53,4% dos electores que se animaron a votar – NON a Lisboa (que non a Europa).
"Se votamos non, non perdemos poder, seguiremos a ser parte de Europa, pero non perderemos o noso comisario", explica Margaret, que tres páxinas máis tarde parece totalmente decidida polo non. "O tratado recorta o noso poder e a nosa voz en Europa. Votar non e un voto pola democracia".
Sorpresa e decepción no goberno e na maioría dos partidos políticos; sorpresa e alegría no Sinn Fein e Libertas (o grupo creado especificamente para promover o "non"). E agora, cal é o plan? Os representantes do goberno declaraban estupefactos que simplemente non o saben- tan seguros estaban da súa vitoria. O plan? Borrón e conta nova.