O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, pídelle a Zapatero "coherencia" para aceptar unha proposta que conta co apoio unánime do Parlamento.
"Esta demanda de autogoberno cumpre coas condicións que estableceu Zapatero", afirmou Anxo Quintana este venres ao respecto da demanda expresada en reiteradas ocasións ao goberno español para a transferencia a Galiza das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria.
Quintana recordou que o propio presidente do executivo español, José Luís Rodríguez Zapatero argumentou en días pasados ante a proposta de referendo do lehendakari vasco que a condición "para calquera mellora do autogoberno" é que a proposta conte co "amplo apoio do parlamento e co consenso cidadán". Na opinión do vicepresidente da Xunta, en "coherencia" con esa afirmación, Zapatero debera apoiar a proposición do Parlamento galego "para crear unha policía galega con competencias en tráfico e seguridade vial".
Fronte a esa situación, o secretario xeral de Convergència i Unió, Artur Mas, comprometeu o apoio de CiU no Congreso para pedir o traspaso das competencias de tráfico. Mas ofreceu os votos dos dez deputados da súa formación para apoiar a proposición non de lei aprobada de forma unánime polas tres forzas políticas con representación no Parlamento.