Na rede poden ler as pezas literarias gañadoras do certame organizado pola asociación 'O Arrieiro'.
O obxectivo do premio é recuperar a tradición dos contos de transmisión oral, contados nas cociñas, coa televisión apagada. Este ano a Asociación O Arrieiro de Moraña organizou a quinta edición do certame, para o que contou cun xurado formado por Rocío Caeiro Porto, María Porto Folgar e Ana iglesias, que escolleu os gañadores entre os máis de corenta participantes.
Na categoría A, para menores de 16 anos, a gañadora foi María Gamallo Silva (15 anos, Moraña), con En contacto cos mortos. Segunda quedou Cecilia Méndez Troncoso (9 anos, Vilagarcía) con A miña amiga a serpe. Terceira foi Sara Domínguez García (9 anos, Vilagarcía) con A miña Bisa.
Na categoría B, para maiores de 16 anos, gañou Hugo Pereira Silva (17 anos, Moraña) con As chozas do Batán. Esperanza Silva Fraga (16 anos, Moraña) con Os camiños perdidos, foi segunda. Isaura Abril Magariños (38 anos, Valga) foi terceira con Pola Santa Cruz anda o Demo darredor.
Así mesmo, houbo unha mención especial para a Aula de Educación Infantil do CPI 'Santa Lucía' (5 anos) polo conto ilustrado Pita, Pito e Pachá.